VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, inaugurou hoxe en Vigo, acompañado do conselleiro de Cultura, Roberto Varela; os vicepresidentes provinciais, José Manuel Figueroa e Teresa Pedrosa, o presidente e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso e José Luis Pego, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, a mostra «Do Neoclasicismo ó Naturalismo na arte galega. Colección do Museo de Pontevedra», na sala de exposicións do Centro Cultural Caixanova.
A mostra, que poderá visitarse dende hoxe ata o 12 de xullo, achegará a Vigo case medio cento de obras dos artistas máis senlleiros do século XIX en Galicia.
Louzán explicou que “a partir de hoxe, a través destas 46 pezas pictóricas e escultóricas pertencentes á pinacoteca do Museo de Pontevedra poderemos revisar a evolución e a importancia histórica da Xeración de 1740, Neoclásica, nos seus maiores expoñentes: Gregorio Ferro Requeixo, Plácido Fernández Arosa, Felipe de Castro, Francisco Antonio Ferreiro, José Gambino e José Ferreiro”.
Tamén está presente nesta exposición a Xeración de 1800, englobada xa no Clasicismo Romántico e no Romanticismo, na que figuraron Juan José Cancela del Río, os irmáns Juan e Jenaro Pérez Villaamil, Dionisio Fierros, José Salgado, Serafín Avendaño ou Ramón Buch Buet.
Sen esquecer ós Académicos e Eclécticos da Xeración de 1850, Román Navarro, Modesto Brocos, Manuel Ángel Álvarez, Antonio Jaspe Moscoso, Silvio Fernández Rodríguez-Bastos, Alfredo Souto Cuero, integrantes da escola dos doentes.
Ou a Arturo Fernández Cersa, Ramón Rivas Llanos, Ovidio Murguía, Ramón Parada, Joaquín Vaamonde, Jenaro Carrero Fernández ou Mariano Tito Vázquez, que, xunto cos triunfantes Germán Taibo, Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor e Isidoro Brocos, apuran as derradeiras luces do Naturalismo.
“En definitiva”, aclarou Louzán, “presentamos en Vigo máis dun século de esplendor artístico, reflectido a través da pintura e da escultura, e poñémolo ó alcance da man de todos os amantes da arte que se acheguen a esta Sala de Exposicións, nunha iniciativa histórica que non coñece precedentes, pero que será, de bo seguro, a primeira de moitas colaboracións neste eido”.
O presidente provincial rematou apuntando que “para a Deputación de Pontevedra, como órgano dinamizador e promotor da Cultura, que a cidade de Vigo poida acoller agora esta mostra constitúe un motivo de profunda satisfacción, porque, transmitíndoa, somos conscientes da importancia capital da cultura, un dos principais activos da nosa sociedade, e tamén porque, sen o pasado e sen a historia, poucas cousas poderían comprenderse”, e aproveitou, por último para “invitar a todos os vigueses e a quen se achegue á cidade de Vigo, a testemuñar o magnífico valor desta mostra incomparable”.