PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .A Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra procedeu esta mañá á instalación do cruceiro restaurado de Cimadevila, en Campo Lameiro, logo de levar a cabo as tarefas de recuperación da peza, que sufrira varias roturas tralo impacto dun vehículo.
Trátase dun cruceiro sen imaxes, composto por só tres elementos, dado, vara redonda rematada nunha semiesfera e cruz con aristas ochavadas, que se atopa situado sobre terra sen cimentación.
Construído en granito silvestre, o cruceiro non presentaba alteracións aparentes de contaminación nin de salinidade, salvo a erosión normal producida polo tempo, os musgos, liquens e algas que o recubrían antes das labouras de limpeza.
O dado do cruceiro, cúbico e sinxelo, de rematado apiconado rústico sen inscricións, e cunha altura de 30 cm. e ancho de 40x40 cm., presentaba un estado de cuberta de liquens e musgos, pero aparentemente non sufrira ningunha rotura. Parte da vara estaba incrustada neste elemento.
O fuste da peza, redondo de 20 cm. de diámetro y 210 cm. de altura, con remate semiesférico no seu encontro coa cruz, non loce imaxes nin inscricións. Atopábase parcialmente recuberto de liquens e musgos, presentando catro roturas de fractura oblicua, unha a una altura de 75 cm., outra de 50 cm., e unha terceira, incrustada no dado a unha distancia visible de 84 cm., máis o fragmento inserido no dado que non é visible.
A falta de capitel, desenvolve esta función o remate semiesférico da cruz, labrada, sen imaxes, tipo latina, de estrutura cuadrangular, rebaixada con ochavas de groso 12 x 12, alto de 70 cm e ancho de brazos de 60 cm.
Este remate estaba recuberto de musgos, algas e liquens, presentando ata cinco fracturas: tres no punto de encontro entre os brazos e a cabeza da cruz e dúas no corpo das cales unha atopábase á altura da unión da vara cos restos dela e outra a uns 18 cm. de distancia da rotura.
A Escola de Canteiros desenvolveu as tarefas de extracción das distintas partes do cruceiro incrustadas no capitel e no dado, realizou a unión e ensamblaxe dos fragmentos existentes de vara e cruz con variña de carbono de diferentes grosos, con perforación mediante diamante —fricción— e resina epóxica, con remate exterior das unións con resina acrílica e po de pedra.
Por último, os canteiros levaron a cabo a limpeza do elemento con auga destilada e cepillo suave de cerdas, de algas e musgos onde o requería, e o correspondente traslado desde a Escola ata o lugar de Cimadevila, para acometer a súa montaxe, unha vez rematada a restauración, incluídos transporte e andamiaxe.