VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, informou hoxe, no Parlamento, de que existe unha previsión de desfase nas contas elaboradas polo bipartito para este ano de 1.200 millóns de euros, como resultado de prever 648 millóns de euros máis de ingresos dos que se espera contar e de que uns 500 máis “supoñen compromisos asumidos pero que non contan con respaldo orzamentario”. Ademais, existen incertezas sobre o cobro duns 200 millóns de euros procedente de fondos europeos no curto prazo.
•
• Na súa comparecencia na Cámara a petición propia, para dar a coñecer a realidade na que se atopan as contas públicas, sinalou que este informe sobre a situación económico-financeira da Xunta “servirá de base para un inmediato reaxuste orzamentario no marco dun Plan de Austeridade, que afectará a todos os departamentos do Goberno autonómico”.
•
• No capítulo da minoración de ingresos, Marta Fernández precisou que a previsión é unha desviación negativa de 213 millóns de euros no caso dos impostos indirectos, de 76 no de Actos Xurídicos Documentados e de 31,5 na proxección de taxas e prezos. A isto hai que engadir, no capítulo de transferencias correntes, os 273,5 millóns de euros orzamentados polo anticipo de tesourería do Goberno central, que xa non se cobrou en 2008 e que este ano a Xunta tampouco prevé percibir.
•
• Ademais, lembrou que para compensar a supresión do Imposto sobre o Patrimonio se orzamentaron 79,5 millóns de euros, que o Estado ingresaría na Facenda galega, “sen que ata o momento se producira ningunha conversa nin se teña formulado ningunha proposta para facer efectiva unha transferencia ás comunidades autónomas”. Tamén hai que engadir que no Instituto Galego de Vivenda e Solo a dotación dos ingresos por alleamento de vivendas e solo está sobreorzamentada nunha contía superior a 50 millóns de euros.
•
• A conselleira de Facenda engadiu, que dos 350 millóns de euros que a Xunta ten pendentes de ingresar procedentes de fondos da Unión Europea, por gastos xa realizados e pagados en programas comunitarios, “existe un elevado nivel de incerteza sobre se 200 millóns se van poder cobrar no curto prazo”.
•
Respecto ás desviacións de gastos, que derivan de compromisos asumidos pero que non prevén respaldo orzamentario, suman uns 500 millóns de euros, en grande medida polas tensións financeiras do Sergas, que chegarán a uns 380 millóns de euros. Desta cantidade, 100 millóns saen dos gastos de persoal, en nómina, gardas e redución de listas de espera en horario de tarde.
Ademais, as tensións nos prezos, na farmacia hospitalaria e os consumos en atención primaria provocan novos problemas financeiros, cunha desviación que se sitúa entre os 70 e os 100 millóns de euros. Na partida destinada a financiar o gasto de receitas tamén hai desfase, pois o previsto é un 11 por cento menos que en 2008, co que novamente se aprecian tensións financeiras que poderían proxectar o gasto ata os 129 millóns de euros. Haberá que engadir no capítulo VI outros 50 millóns de euros para os accesos ao novo hospital de Lugo non orzamentados.
No caso doutros departamentos, na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza non se orzamentaron 17,6 millóns de euros correspondentes aos trienios do persoal administrativo interino e retribucións de persoal dos novos xulgados e hai desviacións na quenda de oficio, ao non orzamentarse o último cuadrimestre, 3,5 millóns, que houbo que convalidar no último Consello da Xunta.
No departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Facenda detectou unha desviación estimada de 1,2 millóns de euros correspondentes ás peaxes en sombra, como consecuencia das previsións de tráfico. Mentres, na Consellería de Educación as dotacións para comedores escolares quedan curtas en 3 millóns de euros.
As libranzas de coidador do sistema de dependencia igualmente sofren serias desviacións, pois o crédito inicial para 2009 era de 46 millóns de euros, xa se ampliou en 27 máis e estímanse as necesidades en 80 millóns de euros máis, atrasos incluídos.
Por todo isto, Marta Fernández indicou que, “dos 1.520 millóns de euros previstos nos orzamentos de 2009 de aforro corrente para financiar investimentos”, tralos axustes que estima en 1.033 millóns de euros, o resultado é que “a Xunta só disporá de 487 millóns de euros para este fin”.
Priorizar actuacións
Aínda que recoñeceu que “esta tremenda desviación nos ingresos e nos gastos reduce dunha forma case afogante a marxe de manobra do novo goberno”, a conselleira non quixo pór “escusas” e anunciou que “se cambiará a forma de xestionar os fondos, desde a orzamentación á execución”.
Por iso, se comprometeu a preservar o gasto social, priorizando actuacións. “Temos que ser capaces de manter o esforzo inversor, o apoio aos sectores produtivos, seleccionando os investimentos estratéxicos, os que teñen un maior efecto multiplicador na economía e que arrastren de forma decidida o emprego e o consumo das familias, é dicir, investimento de calidade”, salientou.
Fernández Currás lembrou que se está a deseñar un Plan de Choque que lidera a Consellería de Traballo e Benestar e a ultimar un reaxuste orzamentario e un Plan de Austeridade. “Hoxe máis que nunca temos que identificar a forma de proporcionar servizos máis eficientes sen menoscabo da súa calidade. Reduciremos os custes da Administración ao que tempo que rebaixamos os custes directos e indirectos que veñen soportando os cidadáns”, asegurou.
Respecto ás asistencias técnicas, a conselleira de Facenda cre “necesaria” a creación dunha comisión ou grupo de traballo que analice os novos contratos de servizos, asistencias técnicas ou consultorías, e as súas prórrogas, para “determinar se as tarefas obxecto do contrato poden ou deben ser prestadas por empregados públicos”.
Así, a titular de Facenda anunciou que “se fará un enorme esforzo por adoptar novos modelos de xestión e control”. “A eficiencia pública converterase no obxectivo da miña política orzamentaria. Débese acabar co despilfarro na Administración dos recursos públicos”, concluíu.