VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Justo de Benito Basanta, asegurou esta mañá que os mecanismos legais existentes garantirán a independencia e o rigor técnico de todas e cada unha das accións do Goberno galego. O secretario xeral de Calidade referiuse, por un lado, á avaliación de impacto ambiental de proxectos públicos, como instrumento básico para garantir o principio de prevención ambiental. Explicou que se trata dun procedemento avaliatorio onde se analizarán a viabilidade dos proxectos, tendo en conta os seus custos ambientais e as opcións menos prexudiciais para o medio ambiente.
Asemade, tamén será prioritaria a avaliación ambiental estratéxica de plans e programas, xa que é un instrumento que garante a integración ambiental nas demais políticas e que contribúe a acadar un desenvolvemento sustentable.
Avanzou que outro dos vectores de control e regulamento da acción da Xunta será a potenciación do Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA), como órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en materia de medio ambiente. Neste consello estarán representados todos os sectores económicos e sociais e os diferentes estamentos da sociedade galega. Deste xeito, -aclarou- vaise a garantir a total transparencia, mediante o acceso do público á información ambiental, e a plena participación na toma de decisións.
O carácter transversal da política de medio ambiente e a integración da mesma nas diferentes políticas sectoriais tamén estará garantida polo reforzo e o impulso do Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible (creado polo Decreto 581/2006, do 15 de decembro), apuntou. Aclarou que esta entidade, de carácter técnico, é a encargada de coordinar as distintas políticas sectoriais en materia de sustentabilidade e recordou aos deputados autonómicos que este órgano foi creado polo Goberno bipartito e tan só mantivo unha reunión unha vez, despois da súa creación no ano 2006.
Manter o nivel de esixencia
Remarcou que a nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente non vai implicar unha rebaixa no nivel de esixencia dos procedementos de avaliación de impacto ambiental dos proxectos públicos, nin nos procedementos relativos á avaliación ambiental estratéxica dos plans e programas.
Pola contra, aclarou que o departamento encargado de promover e controlar as políticas ambientais “sae claramente reforzado”, xa que ao departamento de Medio Ambiente sométense os ámbitos de Ordenación do Territorio e Infraestruturas. Considerou “moi positiva” a integración das competencias de ordenación do territorio e infraestruturas na Consellería de Medio Ambiente, xa que contribuirá a acadar un dos grandes retos de Galicia: garantir unha planificación e unha ordenación sostible do territorio.
Justo de Benito gabou a conciencia ambiental e asegurou que esta está fortemente consolidada entre os cidadáns galegos, e citou a publicidade e a transparencia como mellor ferramentas para mantela. Apelou ao importante papel dos cidadáns e os axentes sociais nestes procedementos e aclarou que terán acceso a unha información exhaustiva e fidedigna do proceso planificador, tal e como esixe a normativa autonómica, estatal e europea.
Esta inclusión – explicou- supón un paso adiante no reforzo de integración dos aspectos ambientais nestes ámbitos de acción do Goberno galego, e aclarou que quedará “escrupulosamente garantido” mediante o estrito cumprimento da normativa ambiental.