VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apelou hoxe á reflexión e á necesidade de diálogo entre as partes implicadas no sector do metal de Vigo porque Galicia, dixo, “non se pode permitir ter este conflito aberto” nun momento “tan complicado, de crise” para a economía galega.
“Todos, administración, patronal e sindicatos, temos que pór enriba da mesa todos os esforzos posibles para atopar espazos de encontro nunhas circunstancias nas que non se poden buscar conflitividades.”
Por iso, ademais do chamamento a volver ás negociacións, desde a Xunta instouse de novo esta mañá aos representantes sindicais e aos empresarios a manter reunións bilaterais coa empresa esta tarde. “Sei que xa nos temos sentado noutras ocasións, pero o faremos as veces que faga falta”, asegurou a conselleira, quen amosou a súa esperanza en que esta tarde se podan iniciar estas conversas por separado entre patronal e Xunta e sindicatos e Administración.
“Non necesitamos conflitos neste momento e si solucións”; pediu Mato, tras amosar unha vez máis “toda a disposición” da Xunta a mediar as veces que sexa preciso, polo que pediu que se volva á senda da negociación, “sen imposicións”. Unha mesa de diálogo, dixo, na que serán necesarias concesións por ambas partes. “De non buscar unha solución dialogada e consensuada non conseguiremos un acordo”, explicou a responsable de Traballo.
“Sei que a responsabilidade existe en ambas partes, por iso, pido un esforzo para atopar ese espazo de encontro que ofreza solucións”, avogou Beatriz Mato.
A titular de Traballo, que mantivo un encontro de máis de hora e media coa delegada territorial de Vigo, Lucía Molares, fixo fincapé na “delicada” situación da economía galega, reflectida no número de Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) que se rexistraron ata o pasado 15 de maio en Galicia, un total de 438.
Desta cifra, 258 corresponden á provincia de Pontevedra, o que representa o 58,9% do total de Galicia. Séguelle A Coruña, con 136 expedientes, Lugo, con 23, e Ourense, con 18.
Estes 438 expedientes afectan a 10.129 traballadores, o que supón o 99,85% de todos os posibles afectados de todo o ano 2008.
Resposta ao edificio “Gota de Leche”
A titular de Benestar referiuse tamén ao albergue previsto no edificio coñecido como “Gota de Leche” ao que se comprometeu a dar “unha resposta social, a que queira Vigo, que chegará o “antes posible” para as persoas sen teito desta cidade.
Con fin de acadar o maior consenso posible, pediu aos membros da Corporación municipal de Vigo que “se poñan de acordo” coa solución que queren para un “problema latente”, a atención das persoas sen teito da cidade de Vigo. Neste sentido, asegurou que, polo momento, na Xunta non hai constancia de ningunha comunicación formal do rexedor municipal, Abel Caballero, sobre as súas demandas e preferencias ao respecto desta instalación.
A titular de Benestar explicou que, desde o seu departamento, estanse a manter encontros e conversas cos axentes implicados, incluídos asociacións veciñais e organizacións sociais, para acadar a fórmula que conte co maior apoio.
Mato subliñou ademais que o edificio, tal e como o deixou o bipartito, non responde ás necesidades para as que se plantexa, xa que “non ten nin equipamento, nin dotación económica para o seu mantemento nin para atender ás demandas de persoal”.