VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe no Parlamento unha Lei de pesca consensuada co sector e alonxada do intervencionismo político e administrativo. “O texto deberá estar baseado no consenso. Non entendemos que se poida redactar un marco legal para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, sen contar coa colaboración de todos os axentes implicados. O texto legal será froito do consenso e non só da consulta”, explicou.
Rosa Quintana anunciou, na proposta de tramitación do proxecto de lei de modificación do texto aprobabo polo bipartito, que o texto fuxirá do intervencionismo, e dará aos axentes implicados no sector a posibilidade de organizarse como mellor consideren, “sempre contando co apoio da administración, asegurando o uso da experiencia acumulada por eles e fuxindo de imposicións e dirixismo político ou administrativo”, dixo.
Baseou a proposta nunha alianza entre a administración e o sector, na que se de cumprimento a “unha das máximas deste Goberno, que consiste en achegar ao sector instrumentos xurídicos válidos e non trabas administrativas, un texto normativo, que achegue confianza e garantía xurídica ao sector, que estableza e contemple as ferramentas que permitan o fortalecemento da pesca en Galicia”, explicou.
A conselleira do Mar subliñou que a Lei de Pesca de Galicia dará estabilidade xurídica ao sector, será unha lei áxil e moderna, que contemple as novas realidades e o futuro do sector. Non será un texto impreciso e vago, que leve á indefinición e á confusión. “Será un texto claro, concreto e realista que permita un desenvolvemento regulamentario acorde coa situación actual e futura”, engadeu.
Rosa Quintana indicou que a entrada en vigor do texto aprobado polo bipartito suporía un paro na actividade desde o punto de vista normativo e un risco desde o xurídico, provocando indefinición, debilidade e baleiro regulamentario, amais de complicar e multiplicar a burocracia e os trámites ao sector profesional pesqueiro, marisqueiro e acuícola.
Recordou que o Goberno da Xunta, atendendo a un dos compromisos anunciados no seu momento, adoptou a decisión de modificar a Lei de Pesca de Galicia, a prol de levar adiante unha proposta de texto que poña enriba da mesa a valía e madurez do sector pesqueiro galego.
Quintana falou dos milleiros de familias que viven do mar e dixo que “temos que contar con elas para regular o futuro do sector, empezando a traballar, como estamos a facer, desde o minuto un”.