PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O espazo das Ruínas de Santo Domingo acollerá o vindeiro domingo, día 10, ás 12:30 horas, e con entrada libre, un concerto organizado conxuntamente polo Museo de Pontevedra, organismo autónomo da Deputación de Pontevedra, e o Conservatorio de Música Universitario Superior “Manuel Quiroga”, que correrá a cargo dos alumnos e alumnas de Percusión do Conservatorio.
Baixo o tema “A percusión contemporánea coa historia”, o aula de Percusión, cun amplo abanico de posibilidades sonoras, pretende achegarnos ó mundo da percusión contemporánea cun repertorio baseado na composición sinfónica, na que instrumentos de láminas e parches darán vida a unha completa orquestración.
O repertorio que ofrecerá o grupo, formado por novos talentos con ampla experiencia en formacións deste tipo, baixo a dirección artística e musical do percusionista Juan Collazo, director de, entre outros, o Odaiko Percussión Group, será moi variado estilisticamente, interpretando obras dos americanos Ton e Thomas Gauger e da tradición musical de Brasil e de México, que van desde unha temática moi vangardista ata unha esencia tradicional de música percusiva, a samba e a música mexicana.