VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O concelleiro de Cultura, Xesus López, expresou este xoves o seu rexeitamento ás “manipulacións, medias verdades e mentiras interesadas do Partido Popular” respecto ás críticas feitas polos sobre a Batalla das Flores. O edil do BNG sinalou que “se ben é certo que a Batalla das Flores se recuperou en tempos de Corina Porro, isto foi posible por un traballo previo realizado polo actual tenente de alcalde, Santi Domínguez, como concelleiro de Cultura”.
A preguntas dos xornalistas, o concelleiro de Cultura subliñou que “se alguén ten apostado pola Batalla das Flores é o BNG”, como se demostrou na edición do ano pasado, “cando duplicamos o seu orzamento para que Vigo tivera unha celebración esplendorosa”. Asemade, Xesus López fixo referenza ao dobre discurso do Partido Popular e as súas declaracións contradictorias. “O PP ten que aclararse, xa que por un lado nos plenos nos din que este é un ano de crise e nos piden que recortemos os gastos e por outro nos critican porque non os ampliamos”, explicou.
Segundo o edil nacionalista “o PP minte cando di que non tiñamos intención de celebrar a Batalla das Flores”. Ao respecto indicou que dende a Concellería de Cultura realizáronse xestións coas diferentes empresas que participaron na edición do ano pasado, e “só obtivemos resposta de dúas”. Explicou que “nos puxemos novamente en contacto con elas e lles dixemos que se non conseguiamos máis apoio de empresas privadas teriamos que aplazar esta celebración temporalmente”, indicou.
O concelleiro de Cultura sinalou que “no BNG entendemos que nunha crise tan salvaxe como esta, as empresas adiquen os seus esforzos a minimizar as súas consecuencias sobre a clase traballadora”.