MOS (MORRAZO-tribuna) .-Ademais dos traballos especificados no proxecto inicial por valor de case 63.000 euros, o Concello de Mos comprometeuse cos veciños a acometer unha serie de melloras na zona que suporán unha inversión de máis de 30.000 euros a maiores
Preto de 100.000 euros é a cantidade total que investirá o Concello en acometer a rotonda e acondicionar ós seus arredores. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañán as obras que se están a realizar na zona da parada de Buenos Aires, parroquia de Dornelas, acompañada polo edil de Vías e Obras, José María Pereira Eiró, e por técnicos municipais.
Arévalo departiu cos veciños da zona sobre o progreso da obra que consiste na acometida dunha rotonda, de beirarrúas e de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade vial desta zona próxima ó colexio e á capela de Pena de Francia. A dirixente local comprometeuse tamén, tras varias reunións con membros da Asociación de Veciños de Dornelas e con habitantes da zona de Buenos Aires, a realizar traballos de mellora respecto do proxecto inicial da obra que incluirán, entre outros, os de ampliación da rotonda e decoración da mesma con dúas figuras en homenaxe ás leiteiras que antano pasaban pola zona talladas en pedra, e que incrementarán a inversión prevista nun principio en máis de 30.000 euros.
A rexedora municipal informou hoxe de que “o custe da obra previsto inicialmente ascende a 62.546,20 euros, ós que hai que engadirlle os máis de 30.000 euros que suporán as melloras que faremos a maiores; e a suma total de case 100.000 será asumida íntegramente polo Concello”. Pola súa banda, Pereira Eiró, edil mosense responsable de Vías e Obras, declarou que “a estrada será acondicionada e pavimentada dacordo coas peticións dos veciños, para que quede tal e como eles queren”