PONTEAREAS / O CONDADO-PARADANTA (MORRAZO-tribuna).- O Goberno do Estado Español vén de aprobar un Real Decreto Lei creando o denominado Fondo Estatal de Inversión Local, un fondo extraordinario que pode supór a chegada de millóns de euros á Comarca do Condado. Ante esta situación, o Grupo Ecoloxista ADENCO solicitoulle aos alcaldes dos concellos da Comarca que teñan en conta criterios de sostibilidade e participación pública na elección dos proxectos que concurran a estes fondos. As obras financiables teñen un forte carácter social e ambiental, entre as que se inclúen a rehabilitación de espazos públicos urbanos e equipamentos, abastacemento de augas potables e tratamento de augas residuais, supresión de barreiras arquitectónicas, fomento da mobilidade sostible, aforro e eficiencia enerxética, ...
Ante esta situación, Adenco solicitoulle aos alcaldes
a) Que se poñan en marcha procesos urxentes de participación veciñal, abríndose un proceso de consultas públicas cos colectivos sociais de cada concello, que son coñecedores das actuacións prioritarias para cada municipio.
b) Que se dé prioridade ás obras que favorezan a calidade de vida dos veciños e ao Medio Ambiente, como as que favorezan a mobilidade dos peóns, a mellora dos equipamentos públicos, o saneamento e/ou o impulso ás enerxías renovables e á mobilidade sostible.
c) Que nas obras que se realicen se dé prioridade á súa orientación social, é dicir, que sexan intensivas en man de obra, que favoreza a contratación ao menos paritaria de mulleres e que se vixilen os salarios e condicións laborais.
Adenco espera que estes recursos económicos extraordinarios sirvan para satisfacer necesidades básicas da cidadanía da Comarca e que os proxectos sexan decididos con criterios de transparencia e participación pública.