02 enero 2009

Problema resuelto para Cangas que anda escaso de policías y de cuartos : la Xunta ayuda cara al verano

CANGAS / COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará 238.000 euros á concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante os meses de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), segundo se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).

Poderán solicitar estas subvencións os concellos que conten cun corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros, que vexan aumentada de forma notoria a súa poboación durante os meses estivais e que teñan presentadas as súas contas correspondentes ao exercicio orzamentario de 2007 no Consello de Contas de Galicia.

Corresponderalle ao concello peticionario o pagamento como mínimo do 25% do importe total do contrato formalizado cos auxiliares de policía local. Ademais, o número de contratos temporais que subvencione a Consellería non poderá superar o 50% do persoal funcionario da policía local do mesmo.

Non serán consideradas as solicitudes dos municipios que non teñan actualizado o envío de datos da súa policía local ao rexistro de policía local de Galicia da Dirección Xeral de Interior na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, que será dentro dun mes. Na avaliación das peticións ponderaranse aspectos como a ratio de policías/poboación do concello, a relación de necesidades municipais e a declaración de municipio turístico.

Xunto coas solicitudes deberanse presentar: unha certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ao acordo adoptado polo Concello sobre a contratación temporal dos auxiliares de policía local establecendo que se aceptan os requisitos na orde de subvencións; o orzamento de gastos para a realización da actividade para a cal se solicita a axuda; a memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local; unha declaración do conxunto de todas as axudas pedidas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas; e unha certificación do secretario do concello da presentación de contas no Consello de Contas de Galicia.

Ademais, deberán incluír un documento no que se recolla o número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e o período de contratación, así como unha memoria na que se recollan as necesidades de incremento do cadro de persoal para este período temporal, sinalando a cuantificación do incremento de poboación na localidade durante o período de verán debido á súa influencia turística.

Estarán exentos de presentar esta cuantificación poboacional os concellos declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998. Se algunha destas documentacións xa estivese en poder da Consellería, non será necesario presentala novamente.