02 enero 2009

Coincidencia elecciones vascas y gallegas : Touriño, antes no quería y ahora resulta que está encantado...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño subliñou hoxe que na próxima convocatoria de eleccións “Galicia ten a súa propia axenda, o seu propio rumbo”, polo que se mostrou convencido de que o vindeiro 1 de marzo “os galegos decidirán con plena autonomía o mellor Parlamento para Galicia e o mellor presidente para esta comunidade”, sen que haxa “ningunha interferencia” cos comicios vascos que se celebrarán na mesma data.

Así se expresou, despois de que o Lehendakari Juan José Ibarretxe anunciara esta mañá a convocatoria de eleccións no País Vasco para o vindeiro 1 de marzo, coincidindo coas galegas. “Non vexo ningunha interferencia nesa coincidencia e respecto a decisión que tomou o Lehendakari”, aseverou Touriño, quen considerou que Galicia e o País Vasco son dúas comunidades autónomas “co seu propio espazo político, coa súa propia capacidade de autogoberno e cada unha coa súa problemática”. Polo tanto, abondou, “teño a convición e a seguridade, e é así, de que Galicia e o pobo galego decidirán autonomamente o seu futuro”.

“O pasado día 18 de decembro anunciei a decisión de celebración das eleccións galegas o 1 de marzo, cumpría a palabra dada de non adiantar as eleccións, cumpría a palabra dada de anuncialas unha vez que Galicia contara cos orzamentos para o ano 2009, e o 1 de marzo os galegos teñen a decisión e a responsabilidade do futuro de Galicia nas súas mans”, reafirmou o presidente.

Unha convocatoria “en clave de país”
Touriño lembrou, ademais, o compromiso que adoptou “desde o primeiro día”, de que as eleccións galegas se celebrasen sen coincidir con outras convocatorias de ámbito xeral para que os comicios se celebrasen “en clave de país”. “Quero dicilo con claridade: O presidente da Xunta dixo ben e o escoitou todo o mundo, desde o primeiro día, que quería que as eleccións se celebrasen sen a coincidencia con outras eleccións de ámbito xeral e que o pobo galego tivera, como sempre, a oportunidade de que cando haxa eleccións en Galicia se fale de Galicia, se pense en Galicia e se realicen as eleccións en clave de país”, apostilou.

Segundo o presidente, “esa era a pretensión e está totalmente cumprida”, posto que a data fixada para as eleccións galegas non coincide con outra convocatoria de ámbito xeral.

“As eleccións en marzo deben de celebrarse, o entendín así, en beneficio de que Galicia, canto antes, poida renovar e depositar a súa confianza despois das urnas, no goberno que saia das mesmas, e que elixa o mellor futuro para este país; polo tanto, non hai ningún elemento de distorsión nesta coincidencia. O País Vasco ten a súa propia problemática, os cidadáns vascos decidirán o seu futuro; e o 1 de marzo, os galegos decidirán o seu”, concluíu.