VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra fixo público hoxe o balance do tráfico de visitas das diferentes páxinas web do organismo provincial, que rexistraron só no pasado ano unha cifra total de 2.035.405 visitas, o que supón unha media de 5.576 entradas diarias.
Estes máis de dous millóns de visitas repartíronse gradualmente entre as páxinas do Boletín Oficial da Provincia, que recibiu 771.201 visitas, a páxina do Padroado de Turismo Rías Baixas, que obtivo 621.626 visitas, a principal da Deputación, cun total de 552.290 entradas, e as páxinas de Cidade + (36.695 visitas), o Museo de Pontevedra (36.011 visitas), a Escola de Canteiros (8.780 visitas), Mercurio (4.793 visitas) e Aquelando (4.009 visitas).
Destes datos recompilados polo servizo da Deputación, destaca o número de descargas do Boletín Oficial da Provincia, solicitado en 1.766.379 ocasións, o que supón unha media de 4.839 baixadas diarias.
Tamén é importante o poderoso tráfico de descargas de datos das páxinas dos organismos dependentes da institución provincial. Preto de 300 xigas de información transferidos dende a web do BOP, 453 xigas desde a páxina de Rías Baixas ou 195 xigas dende a web principal son os datos máis significativos.
Medio millón de visitas máis que en 2007
Estes datos, á espera de obter o caudal de visitas das páxinas dos outros dous organismos dependentes da Deputación (a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e o Laboratorio de Mouriscade) aumentan considerablemente as cifras acadas o ano anterior, cando o conxunto total das páxinas do organismo provincial recibira unha media diaria de 4.391 visitas e un global de 1.602.793 en todo 2007.