02 mayo 2009

BNG quiere que las empresas de energía tributen también en Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) . O portavoz do grupo parlamentar do BNG en materia de Industria, Henrique Vieitez, vén de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno sobre a necesidade de que as empresas produtoras de enerxía que explotan os recursos galegos tributen tamén no noso país.
- Segundo indica o deputado na exposición de motivos da iniciativa, o noso país segue a ser unha comunidade exportadora de electricidade ata o punto de que o 31% da enerxía que produce ten como destino o exterior, grazas ao desenvolvemento das enerxías renovábeis e ao importante peso das centrais térmicas.

De feito, segundo os datos de Rede Eléctrica Española, Galiza producíu en 2006 27.914 gigavatios hora pero só consumíu 19.199, polo que o resto da enerxía exportouse a outros lugares do Estado.

Preto da metade da enerxía xerada no noso país (46%) procede das centrais térmicas e un 23% das centrais hidráulicas e, pola súa banda, as centrais que se acollen a réxime tributario especial, produciron o restante 30%.

Sendo a cuarta comunidade autónoma que máis electricidade xenera, Galiza segue sen resultar beneficiada por esta explotación e, deste xeito, “malia a afectación medioambiental e a exportación, o beneficio xerado por esta produción ten unha cativa repercusión directa no país, polo que cumpre tomar iniciativas que permitan obter maiores recursos desta explotación á Administración galega”.

É por isto que o BNG quer que o Parlamento inste á Xunta a “desenvolver cantas accións sexan precisas para que as empresas xeradoras de enerxía que teñen centros de produción na Galiza trasladen o domicilio fiscal de ditos centros ao noso País”, o que suporía un importante incremento nos ingresos tributarios galegos.

De feito, non sería ésta a primeira ocasión en que sucede isto e mesmo nos últimos meses, unha empresa de produción eléctrica vén de ubicar o seu domicilio fiscal en Estremadura, onde realiza a súa actividade, trasladándoo desde Madrid cos conseguintes beneficios para as arcas estremeñas.