COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .-No Día Internacional do Traballo, a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apelou a sindicatos e empresarios a manter un “diálogo aberto” e facer un “esforzo” por chegar a acordos e a entendementos porque a negociación é a mellor aliada contra crise, ante a que avoga por escapar da “crispación e confrontación”.
O Goberno, asegura Beatriz Mato, traballará para ser catalizador do diálogo social, dirección na que se vai traballar “arreo”.
O obxectivo para Mato é que haxa unha frente común dos partidos políticos ante a crise económica porque é un tema que “non pode ser utilizado para alimentar a confrontación electoral”.
Mato ve preciso combatir dúas crises: a económica e a da confianza política. Por iso considera necesario que os gobernos actúen con seriedade e rigurosidade porque non “é o momento de sacar coellos das chisteras, senón de transmitir confianza e compromiso”.
Así mesmo, nunha entrevista concedida hoxe, a titular de Traballo amosouse satisfeita dos primeiros contactos con sindicatos e patronal cos que se tentará consensuar un plan de choque para frear a “sangría” do paro e para crear un ambiente propicio para crear emprego.
Neste plan, dixo, estará implicado todo o Goberno galego e amosou a súa esperanza de que se desenvolva co apoio dos axentes sociais cos que “non será doado chegar a acordos, pero non por falta de vontade, senón porque a situación non é fácil”, por iso amosou a disposición do seu departamento para sentarse á mesa as veces que sexa preciso. Ademais comprometeuse a manter as portas abertas a un diálogo permanente para atopar espacios de encontro.
Mato asegurou que desregularizar o Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) “é imposible” e quixo aclarar que, en ningún momento, avogou por esa proposta, senón que o plantexamento do seu departamento é que cando estes trámites “sexan absolutamente inevitables” se poñan os mecanismos necesarios para que o proceso sexa “o menos doloroso posible.”
Respecto ao plan de competitividade aprobado polo Executivo anterios dixo pode servir de “rampa de lanzamento” e base para futuras negociacións, se ben hai que adaptalo á situación actual porque as circunstancias son moi diferentes ás de hai un ano e hai que orzamentalo.