VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) . A Deputación Provincial de Pontevedra rexistrou un total de 1.940 solicitudes de persoas para traballar durante un período de seis meses no Plan de Conservación e Limpeza de espazos naturais convocado para o presente 2009. Non obstante este dato queda a expensas de que se verifiquen as solicitudes presentadas a través de Correos.
A institución oferta un total de 110 postos para peóns de limpeza ou forestais que realizarán esta actividade entre o un de xuño e ó 30 de novembro do 2009
A través deste plan a institución pretende asegurar, nos meses de verán e de maior afluencia turística, unha prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal na totalidade do territorio provincial. Do mesmo xeito, contribuír a mitigar os efectos da situación económica do país cun crecente número de parados.
Esta acción terá unha asignación económica de 1,1 millóns de euros e irá destinada a concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes polo que poderán acollerse a el un total de 22 municipios da provincia.
Os traballos comprenderán limpeza e rexeneración de praias, áreas recreativas e espazos naturais, xardíns, etc. As condicións laborais deste persoal réxese polo disposto no I Convenio Colectivo para persoal laboral da Deputación Provincial, e supletoriamente polo disposto no Estatuto dos traballadores.
Así, a xornada a tempo completo será de 37,50 horas semanais (7 horas e 30 minutos/día). O horario de traballo será determinado por cada concello. Con respecto á retribución económica, os salarios dos Peón-Operario será de 1.286,09 euros brutos mensuais, incluída a parte proporcional das pagas extras. O período vacacional será en todos os casos de 11 días.
O tribunal seleccionador dos candidatos estará composto por funcionarios da Deputación e membros dos sindicatos.