15 mayo 2009

Campaña de Galiza Nova
en defensa do Galego

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Galiza Nova presentou hoxe unha iniciativa que percorrerá as rúas das cidades galegas e das principais vilas do país. A organización esta a distribuir diverso material máis de 12.000 colantes, 10.000 cartaces e 35.000 panfletos en centros de ensino e diversos actos sobre a lingua que teñen programado. Porén o reparto máis masivo realizarase entre hoxe venres e mañá sábado coa colocación de máis de 40 mesas de reparto en todas as comarcas de Galiza.

Segundo a S. Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, “por parte da nosa organización consideramos facer este esforzo dada a situación de emerxencia na que está a nosa lingua”. “Non podemos entender –subliña- como vivindo unha situación de desigualdade do galego a nivel público e social que é evidente, perdendo falantes xeración tras xeración a pasos axigantados e habendo casos públicos de discriminación das e dos galego-falantes cando queren vivir con normalidade en galego, hai quen sigue empeñado en falsear sarcasticamente a realidade.”

Para a organización “minten os que non recoñecen que é o galego o que vive unha situación de indefensión e marxinación”. Por parte de Galiza Nova tamén queren criticar a actitude do PP no goberno da Xunta de Galiza, pretendendo retroceder nos pasos dados que procuraban un avanzo nos usos da lingua, sobre todo entre as e os máis novos, eliminando as medidas normalizadoras que se puxeron en marcha nos últimos anos. Para Galiza Nova é unha animalada o que pretende facer Feijoo, esta tendo unhas posición tremendamente antigalegas e así quixemos reflectilo no material onde aparece como un King Kong subido á Catedral de Santiago querendo esmagar a nosa lingua.

A través da distribución desa imaxe Galiza Nova pretende chamar á mobilización da xente nova que quere que non se elimine a lingua propia de Galiza e que se garanta o seu dereito a un ensino en galego a que acudan á manifestación do próximo 17. Para que esta animalada, reiterou, non se materialice. Galiza Nova recollerá ademais sinaturas para apoiar o manifesto en todos os lugares:

Máis de 40 sitios:

Ferrol, A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo, Arteixo, Cambre, Culleredo, Betanzos, Oleiros, Malpica, Carballo, Cee, Ribeira, Boiro, Rianxo, Porto do Son, Arzúa, Melide, Vilagarcía, Poio, Pontecaldelas, Marín, Moaña, A Estrada, Redondela, Ponteareas, Celanova, Ribadavia, Castrelo de Miño, Allaríz, Xinzo de Limia, Verín, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Monforte, Sarria e Meira.