15 mayo 2009

Propuestas de resolución que hace el BNG en el Congreso de los Diputados

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, presentou hoxe en rolda de prensa as propostas de resolución do BNG que, no marco do Debate de Política Xeral iniciado esta semana, serán debatidas e votadas o vindeiro martes pola tarde.

As temáticas destas resolucións son o Ave e as infraestruturas ferroviarias de Galiza, a defensa do sector lácteo e o naval, a normalización do galego nos órgaos xudicias, Administración do Estado e Congreso dos Deputados, e unha serie de medidas en materia fiscal: unha tributación máis progresiva, e medidas laborais: a ampliación da cobertura de desemprego.

Afinar os prazos de execución do AVE galego:

Nesta proposta de resolución, o BNG insta ao Goberno a doutar todos os medios materiais e económicos precisos para acelerar a execución da conexión coa Meseta “establecendo un calendario fiábel e críbel que garanta o seu remate á maior celeridade”.

En canto ao Eixo Atlántico, pédese ao Goberno que acelere os trámites en curso e execute as partidas orzamentarias para iniciar as obras no tramo Vigo-fronteira portuguesa e entre Ferrol e A Coruña. “De xeito que a conexión con Porto estea operativa no 2013 e a adaptación á alta velocidade de Ferrrol-A Coruña no 2012”.

Por iso, pédese axilización para a execución do proxecto de entrada en Ferrol (Ponte das Cabras-Estación) e que se someta a información pública o estudo do Ferrol-Betanzos, “executando as partidas do presente exercicio”.
O BNG solicita un “calendario fiábel” para garantir a conexión coa rede ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña, “executando as partidas consignadas”.

En canto aos tramos Lugo-Ourense e Monforte-Ponferrada, emprázase a dotalos dos medios económicos precisos para acelerar a súa execución de xeito que o horizonte temporal non sobrepase o 2015.

Por último, neste capítulo, ínstase ao Goberno a iniciar neste ano un proceso de diálogo bilateral coa Comunidade Autónoma galega para o traspaso de medios materiais para o establecemento de servizos ferroviarios de proximidade na Galiza. Así como un proceso de diálogo bilateral para o seguimento da execución orzamentaria das infraestruturas galegas.

Fiscalidade progresiva e maior cobertura desemprego

Na liña da intervención realizada por Jorquera no Debate de Política Xeral, nesta proposta de resolución reclámase a reforma do sistema tributario para que sexa máis progresivo.
O BNG reclama que se amplíe a cobertura de desemprego, “para evitar situacións de desprotección en parados de longa duración”. Ademáis, que se garantan os dereitos laborais actuais, e un adecuado financiamento dos servizos públicos sociais.

Defender ao sector lácteo e o naval na Presidencia da UE

O BNG fai dúas reivindicacións ao Goberno de cara a Presidencia española da UE. En primeiro lugar, demanda que o Executivo xestione na UE a volta do asteleiro de Fene á construcción naval civil.
En canto ao sector lácteo, pédese, entre outras cousas, normativas destinadas a mellorar a regulación do prezo de referencia do leite.

Incorporar a lingua galega na Xustiza e Administración do Estado

A última das resolucións do BNG, demanda a incorporación da lingua galega nos órgaos xudiciais e Administración de Xustiza, na Administración Xeral do Estado, sobre todo nos Rexistros. E ínstase ao Goberno a estudar as reformas regulamentarias necesarias para o uso das linguas cooficiais nas Cortes.

Asemade, ínstase ao Executivo a entablar negociación co Goberno portugués que permita a recepción en Galiza e Portugal das televisións de ambos paises.