CANGAS (MORRAZO-tribuna) .-Dentro do programa de actos que o Concello de Cangas organiza arredor do Día das Letras Galegas, o sábado día 16 ás 12 da mañán inaugurarase na Capela do Hospital unha exposición baixo o título de Urbi et orbi (dende o galego para o mundo). Esta exposición está realizada polo IES María Soliño a través do seu Departamento de Normalización e de Dinamización Lingüística.
A exposición está centrada na tradución de obras en galego ás linguas de todo o mundo
Dende o Rexurdimento, as composicións dos nosos escritores e escritoras tiveron eco fóra do país. Primeiro apareceron traducións de pezas soltas e logo algunha obra enteira para, a partir dos anos 1970, comezaren a proliferar as traducións de autores e autores galegos a outras linguas.
Na actualidade son xa bastantes os escritores e escritoras galegos traducidos a outros idiomas. Clásicos do século XIX como Rosalía e Curros, ou do século XX como Castelao e Otero Pedraio. Contemporáneos xa falecidos como Cunqueiro, Blanco Amor e Casares. Autores e autoras en plena creación como Suso de Toro, Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz e Marisa Núñez. Pero, sen dúbida, o caso máis emblemático é o de Manuel Rivas, traducido xa a máis de vintecinco linguas.
Hoxe é posible atopar obras de escritores e escritoras galegos nas máis variadas linguas do mundo. De todos os continentes. Nas linguas máis estendidas (inglés, francés, ruso, árabe, etc) e en linguas menos estendidas (bretón, sardo, croata, etc). En linguas de territorios próximos ao noso, como as da Península Ibérica, ou moi afastadas de Galicia (turco, coreano, xaponés, etc).
Complementan a exposición dous videos, o primeiro descritivo da exposición no que se len textos de Cunqueiro en alemán e árabe, Neira Vilas en inglés, Manuel Rivas en italiano e Méndez Ferrín en francés. No segundo dos vídeos Xosé Luís Méndez Ferrín fala da importancia de traducir dende o galego a outras linguas e dende e outras linguas ao galego e responde ás preguntas sobre a súa obra traducida. Un terceiro complemento son un feixe de xogos interactivos de ordenador a partir do contido da exposición. Finalmente, expóñense tamén exemplares de obras traducidas a diferentes linguas
Urbi et orbi (dende o galego para o mundo) permanecerá aberta dende o 16 ao 23 de maio e circulará posteriormente por centros educativos e culturais da bisbarra do Morrazo e da área de Vigo, comenzando o seu roteiro polo instituto que a elaborou, o IES Mª Soliño.
Tamén o día 23 terá lugar no Auditorio de Cangas o colofón dos actos municipais arredor das Letras Galegas. Cun concerto da Coral Polifónica Lestonnac e unha homenaxe ao recentemente falecido Xaime Enríquez terá lugar a entrega dos premios do Concello de Cangas á creación cultural e á defensa do patrimonio, respectivamente.