MOS (MORRAZO-tribuna) .- O Concello de Mos asina un convenio de colaboración co grupo de música tradicional, A Roda
- O primeiro concerto pautado no convenio celebrarase este domingo na IV Xuntanza Popular de San Rafael
A concellería de Cultura mosense asinou un convenio de colaboración co grupo musical A Roda. A edil responsable deste departamento no Concello de Mos, Sandra Temes, informou de que “dende o equipo de goberno municipal temos un gran interese na promoción e difusión da cultura e, neste senso, a música é cultura; así que, ó igual que cooperamos coa Banda de Música de Torroso, farémolo agora con A Roda, que tamén é unha agrupación tradicional da nosa cultura”.
As accións previstas neste convenio serán financiadas polo Concello de Mos que lle aportará a A Roda un importe de 10.000 euros. Así o grupo musical actuará o día 17 de maio na Xuntanza Popular de San Rafael, o 1 de agosto nas Festas de San Mamede e o 14 de novembro en San Martín.
Primeira actuación do convenio
A Roda materializará o primeiro concerto dos pautados no convenio este domingo, Día das Letras Galegas, na Xuntanza Popular que se realizará no barrio de San Rafael. A agrupación encargarase da clausura de dita Xuntanza ofrecendo un dos seus populares concertos.
San Rafael celebrará mañán, 16 de maio, e o domingo, día 17, a súa IV Xuntanza Popular, que está organizada pola Asociación Veciñal Grupo San Rafael – Mos e coa que colaboran o Concello e a Deputación de Pontevedra. Mañán haberá diversos concertos e actuacións musicais. A partir das 23.00 horas tocarán os grupos Daga de dos puntas, Baldosa amarilla e Leyendas. O domingo 17 celebrarase, ás 11.30 horas, un pasarúas que correrá a cargo do Grupo de gaitas de Torroso. Posteriormente, ás 12.30 horas, haberá misa na Capela de San Rafael e, a continuación, concerto da banda de gaitas no recinto da Xuntanza. Para comer servirase tortilla, empanada, churrasco, chourizos e callos; e na sobremesa actuará a agrupación de baile Tangaraño e o grupo, de baile tamén, Nosa Terra de Pereiras.