11 mayo 2009

Conselleira Mato dice que los millones para Dependencia que aprobó Madrid no llegan...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, considerou hoxe que a partida adicional de 23 millóns de euros para a Lei de Dependencia, aprobada para Galicia polo Consello de Ministros o pasado venres, é “insuficiente”. Neste sentido, recordou que son moitas as persoas que esperan por estas axudas, polo que avogou por que o financiamento chegue “xa” á vez que reclamou que o investimento sexa maior ao anunciada polo Goberno central.

A titular de Benestar realizou estas declaracións aos medios de comunicación despois de manter unha reunión co delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, na que abordaron a situación da tramitación dos temas relacionados co departamento que dirixe Mato.

A conselleira explicou que, actualmente, na provincia de Ourense hai rexistradas 13.358 solicitudes para a Lei de Dependencia. Desta cantidade, só 2.348 están resoltas co seu plan individual de atención asociado (PAI) correspondente. Ademais, son 2.058 as que reciben xa prestación, das que o 81 por cento (1.668 persoas) son grandes dependentes.

Para Mato, estas cifras amosan un “falta de atención” por parte do bipartito á dependencia e que “aínda queda un amplo camiño que percorrer”. Para conseguilo, considerou necesario axilizar o sistema co fin de facer efectivas as axudas nun menor período de tempo.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego ten como “obxectivo prioritario” atender a 16.000 dependentes antes de finalizar o ano, polo que a conselleira aseverou que traballará “arreo” para acadar esta meta.

Máis de 600 traballadores afectados por ERE
A titular de Traballo tamén concretou os datos sobre os expedientes de regulación de emprego (ERE) tramitados na provincia ourensá ao longo deste ano. Así, explicou que de xaneiro ao 30 de abril se presentaron en Ourense un total de 15 ERE, unha cifra que representa o 3,93 por cento do total galego, que ascende a 382.

Dos expedientes presentados, 8 foron admitidos, 6 están en tramitación e un foi retirado pola empresa. Os ERE de Ourense afectaron a 604 traballadores, en distintas fórmulas: 69 foron de extinción de emprego, 532 de suspensión e 3 de redución de xornada.

En Galicia, os 382 ERE tramitados afectan a 8.800 traballadores. Actualmente, están resoltos 304, dos que 300 (98,6%) foron estimados e 4 (1,32%) desestimados. En concreto, os ERE resoltos afectan a 6.700 traballadores.

Do total de expedientes estimados pola consellería de Traballo, no 60 por cento dos caos (180 ERE) acadouse un acordo entre a empresa e os traballadores, mentres que nun 2,66 por cento (8 ERE) o período consultivo rematou sen que se chegase a un acordo. O 37,3 por cento restante, é dicir, 107 expedientes fundamentáronse en causas de forza maior, polo que non houbo período de consultas.