VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o apoio do Goberno que preside ao campo e avanzou que a Xunta vai poñer en marcha un Plan de choque que axude a paliar a difícil situación que atravesan os gandeiros e agricultores galegos. Tras reunirse cos principais sindicatos do sector -Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias, e Sindicato Labrego Galego, nun encontro no que tamén participou o conselleiro do Medio Rural-, o presidente da Xunta avanzou que se trata dun conxunto de medidas “a curto” e de carácter económico. Trátase “dun paquete económico de 70 millóns de euros de anticipo a partir do mes de xuño ao sector para solucionar en parte as tensións económicas que está tendo e tamén de pagar a débeda que ten a Xunta co sector por axudas dos pasados anos”, aseverou.
“A Xunta de Galicia comprométese a anticipar 70 millóns de euros para que todas as explotacións gandeiras poidan, a partir do mes de xuño, empezar a percibir os 70 millóns de euros que proveñen da Unión Europea e que non poderían percibirse ata o ano que vén”, anunciou Feijóo explicando que haberá un anticipo “en máis de sete meses” destes 70 millóns de euros co obxectivo último “de inxectar liquidez ao sector e para tentar paliar a situación crítica que está pasando”.
Así mesmo, como segunda medida, Alberto Núñez Feijóo avanzou o compromiso do Executivo de que antes de que finalice o mes de xuño, pagar todas as axudas pendentes do ano 2008. Trátase, segundo explicou o xefe do Goberno galego, de entre 8 e 10 millóns de euros “que aínda están sen pagar” e que “teñen que pagarse de xeito inmediato”.
Liña de subsidiación ao circulante e axudas do PDR para o sector lácteo
Durante a xuntanza cos sindicatos agrarios tamén se concretaron “outras dúas medidas adicionais” que, en palabras de Núñez Feijóo, deberán ser desenvolvidas “nas vindeiras semanas”. A primeira delas é a posta en marcha dunha liña de subsidiación ao circulante, aos créditos que teñen as explotacións gandeiras. “Imos subsidiar os tipos de interese deses créditos para facilitar o circulante das explotacións endebedadas”, aseverou. A segunda das iniciativas “adicionais” consiste en destinar a maioría das axudas do Plan de desenvolvemento rural ao sector lácteo.
Xuntanzas coas industrias e os distribuidores
Así mesmo, o presidente da Xunta avanzou o compromiso, por parte do conselleiro do Medio Rural, de manter contactos nos próximos días co sector da industria e co da distribución para abordar todos xuntos o problema do dumping de prezos, consecuencia da entrada masiva de leite por debaixo do custe, provinte basicamente de Francia. “Imos falar en serio coa industria, cos distribuidores para evitar que entren toneladas e toneladas de leite por baixo do custo, facendo un dumping claro como consecuencia das importacións masivas de leite que se están producindo desde España a Francia”, dixo. De igual xeito, comprometeuse a redobrar as inspeccións sobre o establecemento dos prezos unha vez que o produto chega ao mercado.
O titular da Xunta explicou que tamén acadaron un acordo para determinar a postura que Galicia vai defender ante o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Detallou que hai un conxunto de medidas que se están concretando coas organizacións sindicais para que o Goberno de Galicia e as organizacións agrarias “falen cunha soa voz” ante o Ministerio. Así, invitou a todas as forzas políticas galegas para que se unan ás organizacións sindicais e ao propio Goberno.
“Hai que dicirlle ao Ministerio de Medio Rural que o sector lácteo é un sector tan importante como o do aceite, o porcino, ou o sector da horta valenciana, murciana ou do arco mediterráneo”, recalcou Núñez Feijóo, que engadiu que “o sector lácteo é clave para o sector primario de España, para o sector primario en Galicia, pero que en todo o noroeste, Cantabria, Asturias, Castela León e Galicia, temos un problema e eu desexo que ese problema sexa dunha vez tomado en serio por parte do Ministerio competente”.
“Cremos que merecemos ese respecto, -proseguiu o titular da Xunta-, e esperamos rematar nas próximas semanas con esa certa indolencia na que se está movendo o Ministerio en relación co sector lácteo, porque non aguantamos unha caída continuada do prezo da leite, que se iniciou no mes de xaneiro do ano 2008 e que agora, desde hai máis de 14 meses, continúa caendo”. “Non podemos aguantar moito máis tempo e as comunidades autónomas teñen unhas posibilidades, pero desde logo non teñen a chave para arranxar todos os problemas que presenta hoxe o sector lácteo”, concluíu.
Goberno “plenamente identificado” cos problemas do sector
O presidente da Xunta cualificou a xuntanza desta mañá como “plenamente positiva” para avanzar e establecer as bases que permitan tentar saír da situación “crítica” na que está instalado o sector lácteo. Así, sinalou que o Goberno está “plenamente identificado” cos problemas polos que atravesa o campo galego. Hai tamén, engadiu Feijóo, unha “comuñón” na diagnose da situación con todos os sindicatos agrarios e que, polo tanto, o Goberno respalda.
“Sabemos que isto non é só un problema económico, é un problema social”, remarcou Núñez Feijóo, quen recoñeceu que estamos non só ante un problema de crise económica senón do propio modelo de asentamento poboacional de Galicia. “Galicia non pode perder a súa despensa, non pode perder o sector lácteo, porque Galicia sen sector lácteo e sen explotacións leiteiras sería un país distinto do que é”, aseverou. “Hai unha crise económica que pon en xaque a situación da propia sociedade e o asentamento poboacional galego no rural”, incidiu, para remarcar que a identificación do Goberno coas demandas do sector é favorable para buscar saídas a corto e a medio prazo”, concluíu.