06 mayo 2009

Conselleiro Hernández dice a Pepe Blanco que "amiguiños si...pero a vaquiña polo que vale"

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .“O Goberno galego non vai renunciar a dispoñer do AVE nun prazo razoable de tempo”, manifestou esta tarde en Zamora o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, no Foro Institucional do AVE Galicia/Castela e León, no que participou xunto co responsable de Fomento da Xunta de Castela e León, Antonio Silván, e o deputado nacional por Ourense Celso Delgado, entre outros poñentes.

Hernández insistiu en que a Xunta pretende conseguir nesta nova etapa un amplo consenso parlamentario que asegure a máxima celeridade e eficacia no desenvolvemento desta infraestrutura.

“Aínda que parece evidente que nos últimos anos non se actuou dende Fomento coa dedicación requirida, temos a esperanza de que os novos interlocutores no Ministerio, comezando polo seu titular, coñecen as nosas necesidades e teñen recoñecido tamén a lentitude e a falta de empeño coa que se tramitaron as obras ata o de agora. Agardamos que esa boa disposición se traduza en prazos máis áxiles e nun ritmo apropiado de execución presupostaria”, manifestou o responsable de infraestruturas da Xunta.

Agustín Hernández sinalou que a prioridade agora consiste na adopción dun “compromiso expreso por parte do Goberno central, cun calendario real de prazos de execución e de anualidades presupostarias que nos fagan visualizar aos galegos que existe a vontade inequívoca de levar a cabo estas obras no prazo mais breve de tempo”.

O conselleiro ofreceu a lealdade da Xunta de Galicia para afrontar este desafío de forma conxunta entre as administracións, “con responsabilidade e altura de miras, sen enzarzarse en discusións estériles sobre incumprimentos de prazos, pero tamén con transparencia e sen mais dilacións, porque se trata dunha infraestrutura vital para o noroeste peninsular e para o deseño ferroviario español”.

Fronte común Galicia- Zamora
A unión entre Galicia e Zamora nunha fronte común para tratar de axilizar ao máximo a chegada da alta velocidade ferroviaria polo corredor noroeste quedou formalizada oficialmente hoxe coa creación do Foro Institucional AVE Galicia/Castela e León. Esta iniciativa pretende ser un espazo aberto ao debate, a análise e o impulso desta rede ferroviaria, e nel están implicados representantes institucionais dos gobernos autonómicos de Galicia e Castela e León, así como expertos na rede ferroviaria de alta velocidade, axentes sociais e económicos. A conclusión desta liña no menor prazo posible é o obxectivo último que perseguen os promotores do Foro.