06 mayo 2009

El Conselleiro Rueda anuncia que irán para adelante con el área metropolitana de Vigo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a delegada territorial en Vigo, Lucía Molares, coincidiron hoxe en facer un chamamento á “colaboración de todos” para garantir o éxito das novas delegacións territoriais da Xunta, que permitirán mellorar a eficacia e a eficiencia da Administración galega mantendo un criterio de austeridade.

Alfonso Rueda considerou que a nova estructura da Xunta funcionará ben “coa colaboración e o traballo de todos dende o primeiro momento” e, pola súa banda, Lucía Molares aproveitou para avanzar que na súa nova labor quere ir “de la mano” dos alcaldes dos 14 concellos que compoñen a futura área metropolitana de Vigo, “sean del partido que sean”.

Precisamente, no acto celebrado este mediodía na sede da Xunta en Vigo estivo presente o alcalde da cidade, Abel Caballero; así como o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira, ademais dos rexedores da área metropolitana. No ateigado auditorio, que se quedou pequeno para tantos asistentes, tamén estiveron distintos representantes sindicais e empresariais e numerosos funcionarios.

A delegada en Vigo comprometeu “rigor y austeridad” no seu traballo e manifestou a súa enteira confianza nos funcionarios da Xunta na cidade olívica, “excelentes profesionales” cos que tivo oportunidade de traballar. Nese sentido, Lucía Molares recordou que xa pasou polas tres administracións –estatal, autonómica, e local- e amosouse convencida de que esta experiencia serviralle para poder ofrecer unha “colaboración leal entre institucións”.

Área metropolitana
Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia tamén fixo incidencia na importancia que cobrará co novo modelo o papel dos funcionarios, logo dunha reforma da Administración que busca a austeridade “nun momento en que a xente e as empresas o pasan mal”. Así, apostou por traballar a reo para acadar o obxectivo de reducir os gastos propios da Xunta.


“As delegacións non van en contra de ninguén”, salientou Rueda, que considerou que a de Vigo servirá como “lupa de aumento das posibilidades” dos 14 concellos que forman a área metropolitana. Consultado polos xornalistas sobre esta delimitación xeográfica, explicou que “non é ningún capricho” e que é a mellor pensando na prestación de servizos, ademais de suscitar o consenso dos implicados.

De todos xeitos, apuntou que non ten por que significar que nun futuro non se poida aumentar o ámbito xeográfico se os estudios demostran que un maior número de concellos permitiría prestar mellores servizos aos cidadáns.

En canto á área metropolitana, recordou que a súa constitución é unha prioridade e explicou que “canto antes” a Xunta enviará o proxecto de lei da súa creación ao Parlamento para que sexa pronto unha realidade esta figura supramunicipal, que englobará os 14 concellos que hai xa catro anos estaban de acordo en formar parte da área metropolitana de Vigo.