08 mayo 2009

Detienen en A Cañiza
a un presunto incendiario

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-Funcionarios do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma con destino na Xefatura local de Vigo informaron hoxe da detención de E.P.R., natural de Melón (Pontevedra), como presunto autor de sete incendios forestais acontecidos na parroquia de Oroso, no concello pontevedrés da Cañiza.

Os incendios que se lle imputan tiveron lugar os días 20 (tres incendios), 24 (un incendio), 27 (un incendio), 28 (un incendio) de febreiro e o 15 de marzo. Todos os lumes foron producidos de maneira intencionada e as lapas arrasaron unha superficie aproximada de 60 hectáreas de masa forestal arborada e rasa.

O detido é un gandeiro ao que se viña investigando xa que utilizaba un ‘modus operandi’ de patrón estándar e profesional, prendendo os lumes durante as fins de semana e en franxas horarias moi determinadas (ao anoitecer e nas horas centrais do día) para así conseguir o anonimato e que houbese escasos medios de extinción dispoñibles para dar resposta. O móbil destas queimas intencionadas é o aumento do espazo dedicado para o pasto do ganado do que é propietario. Ademais, tamén se lle imputa un presunto delito de maltrato animal ao ter varios dos seus cabalos vagando por montes limítrofes coas denominadas ‘trancas’ colocadas nunha das súas extremidades.

O detido, unha vez oído en declaración, foi posto en liberdade coa obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando fora requirido, instruíndose dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución nº 1 de Ponteareas.

Detido en Ourense
Doutra banda, funcionarios do Grupo de Investigación de Incendios de Ourense da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma tamén informaron hoxe da detención de M.P.C., natural de Cercedo (Pontevedra), como presunto autor dun incendio forestal ocorrido na parroquia de Untes, no Concello de Ourense.

O incendio que se lle imputa tivo lugar o día 5 deste mes debido á neglixente realización dunha queima para a cal pedira a correspondente autorización. No sinistro, as lapas arrasaron unha superficie de 0,2 hectáreas de monte raso.

O detido, unha vez oído en declaración, foi posto en liberdade coa obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando fora requirido, instruíndose dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ourense. Con este detido, a Policía Autonómica xa puxo a disposición xudicial a vintenove persoas no que vai de ano por delitos de incendio forestal.