VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizará nas vindeiras semanas unha visita institucional ás sete grandes cidades de Galicia para manter un primeiro encontro cos seus alcaldes co obxectivo de abordar os principais asuntos de interese destes municipios.
Nas cartas remitidas hoxe, o máximo mandatario galego trasladoulle este desexo aos alcaldes Javier Losada (da Coruña), Vicente Irisarri (Ferrol), Xosé Antonio Sánchez Bugallo (Santiago de Compostela), José Clemente López Orozco (Lugo), Francisco Rodríguez (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra) e Abel Caballero (Vigo). A tal fin, Alberto Núñez Feijóo xa deu instrucións ao seu equipo para “fixar canto antes a data que mellor se axuste ás nosas respectivas axendas”.
O mandatario galego manifestou, nas misivas, o seu convencemento de que as relacións entre o Goberno que preside e as respectivas corporacións municipais estean marcadas “pola máis eficaz colaboración e cooperación institucional”, que redundará en beneficio non só dos cidadáns destes municipios senón “do conxunto de Galicia”.
Así mesmo, o xefe do Executivo galego agradeceu as felicitacións recibidas, con motivo do seu recente nomeamento, por parte dos alcaldes das sete grandes cidades de Galicia e aproveitou a ocasión para trasladarlle “un cordial saúdo”.