VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que demanda ao Goberno que, en colaboración coas Comunidades Autónomas estableza e promova axencias públicas de taxación que exerzan as súas funcións cando o solicite o consumidor, en particular nos procedementos de embargo da vivenda habitual.
Ademais, a iniciativa do BNG , que se debaterá na Comisión de Economía e Facenda do Senado, insta ao Goberno a “regular un modelo de sociedade taxadora que cumpra dos principios básicos de independencia e obxectividade, e recolla os principios que establece o artigo 51 da Constitución Española de apoio aos consumidores”.
“As sociedades de taxación dependen dos bancos, cos que teñen conivencia de intereses”
Xosé Manuel Pérez Bouza alerta de que “as entidades financeiras, as sociedades de taxación e as grandes inmobiliarias manteñen unhas relacións moi controvertidas, de conivencia de intereses, que, en boa parte, explican a burbulla inmobiliaria que sufriu o Estado español, e da que están a ser os cidadáns os principais pagadores”.
As entidades financeiras controlan case a metade das taxadoras
Como mostra destas relacións o senador nacionalista lembra que as entidades financeiras participan e/ou controlan 13 taxadoras que, no ano 2007, concentraron o 47% das taxacións inmobiliarias realizadas e o 52% do importe das operacións. Pon como exemplo a TINSA, SIVASA, SERVATAS, TASAMADRID, TASAGALICIA, TABIMED ou Valoraciones y Tasaciones Hipotecarias (VTH), “todas elas con accionista maioritario ou relevante a bancos e caixas de aforro”.
Sobrevaloracións na época de boom inmobiliario e infravaloracións inxustificadas no momento actual
O senador do BNG advirte de que “esta relación de xuíz e parte na valoración e concesión de créditos vai en detrimento dos cidadáns, e a favor da tríade de taxadoras, entidades financeiras e construtoras”.
Así, á hora de conceder unha hipoteca, especialmente nos anos de boom inmobiliario, as taxadoras, especialmente as que pertencen a entidades de crédito, tenden a xerar un valor de taxación superior ao valor real do inmoble fundamentado en supostas expectativas de revalorización futuras.
E nas épocas de parón inmobiliario como o deste momento, “no que moitas familias que non poden pagar a súa hipoteca, as valoracións no proceso de embargo que fan as taxadoras se reducen nunha media do 40%, cando as estatísticas oficiais indican un descenso medio no prezo da vivenda do 9%”, denuncia o senador do BNG.
Ademais, lembra que no momento actual de crise económica e financeira, “as sociedades de taxación desempeñan un papel fundamental para valorar os activos inmobiliarios, e por tanto, a solvencia das entidades financeiras”.
“En todas estas situacións –advirte Pérez Bouza- a imparcialidade das taxadoras está en dúbida xa que as entidades financeiras solen encargar os informes ás sociedades de taxación nas que teñen participación accionarial”.
A situación non mudou coa reforma da Lei Hipotecaria en 2007
O senador do BNG considera que a situación “non mudou substancialmente” coa Lei 41/2007 que reformou a Lei de Regulación do Mercado Hipotecario co obxectivo de reforzar a independencia das sociedades taxadoras.
“A pesar da Lei as sociedades de taxación seguen estando en mans das entidades financeiras”, asegura Pérez Bouza.
Proba de que o panorama segue igual son as recomendacións que publicou en xuño de 2008 a Comisión Nacional do Mercado de Valores nas que volve incidir na necesidade de garantir a independencia e a profesionalidade das sociedades de taxación.