VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a un total de 120 persoas debido a 82 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do xoves, 30 de abril, ata as 23:59 horas do domingo, 3 de maio. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o xoves con 24 accidentes.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 103 chamadas en relación con accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 82 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 120 persoas.
A proporción de homes atendida foi do 60 por cento e a de mulleres do 40 por cento. Nas idades dos feridos, obsérvase que un 64 por cento dos atendidos ten entre os 15 e os 34 anos.
Por provincias foi a de Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 39 sinistros durante os desprazamentos destas datas.