07 mayo 2009

El manifiesto de la coalición en la que se presenta el Bloque para las europeas

-Declaración política de ERC, BNG, Aralar, Los Verdes, EA, CHA e Entesa per Mallorca ante as vindeiras eleccións europeas: POLO DEREITO A DECIDIR DOS POBOS E UNHA EUROPA MÁIS SOCIAL, DEMOCRÁTICA E SOSTÍBEL.

- Esquerra Republicana de Catalunya, Bloque Nacionalista Galego, Aralar, Los Verdes, Eusko Alkartasuna e Chunta Aragonesista, agrupados na coalición denominada Europa dos Pobos-Verdes, decidimos concorrer conxuntamente ás eleccións europeas do vindeiro 7 de xuño. Esta ampla coalición, composta por partidos políticos que defendemos no noso respeitivo territorio o dereito dos pobos a decidir libre e democráticamente o noso futuro, nasce desde o respecto ás distintas sensibilidades que se agrupan no seu seo, e coa vocación de levar ao Parlamento Europeo a voz dos que non se sinten representados polas dúas grandes opcións que hexemonizan o mapa político no Estado español.


A nosa aposta de cara aos comicios europeos pasa básicamente pola defensa dos eixos de actuación seguintes:


Unha Europa comprometida cos reptos globais, forte e solidaria ante o mundo

Vivimos nun mundo marcado por grandes reptos globais: a crise financieira e económica, a crise enerxética, o deterioro do medio ambiente, os desequilibrios norte-sur, os conflitos armados e a non consolidación dos dereitos humanos. Somos conscientes das fortes limitacións actuais e das deficiencias como modelo, apostamos porque a UE sexa unha entidade política capaz de aportar iniciativas e liñas de actuación favorábeis a unha orde internacional máis xusta e respeitosa cos dereitos dos pobos. Por iso, reclamamos unha UE máis democrática, equilibrada e solidaria ante o mundo, con capacidade para fomentar as novas fontes de enerxía renovábeis, para contribuir ao desenvolvemento económico sostíbel, para fomentar a cultura da paz e o diálogo, para respectar e defender os dereitos humanos. Europa tamén debe liderar un novo proxecto global respeitoso co medio ambiente, impulsando políticas contra o cambio climático, cun compromiso firme na defensa dunha Europa sostíbel, que teña como prioridades a reducción das emisións CO2.


Unha Europa institucional que recoñeza o dereito a decidir

A UE aínda é unha entidade política en construcción, que actualmente sofre un estancamento institucional, feito que xenera certa incertidume e dificuldade. Pero é tamén unha oportunidade para defender outro modelo de UE. Queremos participar na construcción europea para propor unha Europa institucional máis transparente, máis democrática, menos burocrática, máis próxima á cidadanía. Unha Europa institucional que nos debe permitir estar presentes en Europa de xeito directo, obtendo o recoñecemento da nosa identidade nacional. Unha Europa que nos debe permitir decidir que queremos ser como pobo, exercendo democráticamente o dereito a decidir.


Unha Europa que respeite e defenda a súa diversidade lingüística e cultural

A Europa que queremos debe ser unha institución cercana á cidadanía, capaz de atender e entender as súas demandas en calquera dos idiomas propios do continente. É imprescindíbel, pois, que as nosas respeitivas linguas sexan recoñecidas como linguas de traballo de pleno dereito ante as institucións europeas. Hai que construir unha Europa plural, que protexa a súa diversidade cultural e lingüística.


Unha Europa máis social e sostíbel

É necesario velar, agora máis que nunca, por afortalar o Estado do benestar como un elemento identificador da UE e garantir á cidadanía da UE uns mínimos comúns de xustiza social. Fai falla garantir, igualmente, a UE da igualdade de oportunidades. Toca, pois impulsar decididamente un cambio no modelo económico actualmente vixente que abandone dunha vez por todas os modelos especulativos, e que derive cara un novo paradigma de crecemento sostíbel baseado nun desenvolvemento económico non especulativo, equilibrado territorialmente, socialmente igualitario, priorizando o coñecemento e a investigación. Nun momento como o actual, entendemos que o esforzo de sumar diferentes forzas políticas con obxectivos progresistas, ecoloxistas e nacionais, respectivamente, garante unha maior incidencia, defensa e representación dos intereses comúns.


As eleccións europeas do 2009 son unha boa oportunidade para presentar en Europa un proxecto común que defenda tanto os intereses de Galiza, de Euskal Herria, de Aragón, dos Paísos Catalans e de todos os pobos do Estado español. E iso tanto da perspectiva da súa lingua, da súa cultura e da súa identidade, como dos valores democráticos, das políticas sociais e dunha visión de futuro ecolóxica e sostíbel.