24 mayo 2009

En Corrubedo, la Xunta dice SI a los espacios protegidos y a la sustentabilidad

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O Goberno galego reiterou hoxe a súa aposta polos espazos protexidos e convidou a todos os cidadáns, organizacións e institucións a colaborar na conservación da natureza e a participar nas actividades que a Consellería do Medio Rural desenvolve para dar a coñecer as áreas protexidas da comunidade e a súa relevancia para a sociedade, coincidindo coa celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, que este ano se desenvolve baixo o lema Un século de parques nacionais europeos: presente e futuro das nosas áreas protexidas.

Con motivo desta celebración, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, realizou unha visita ao Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e das Lagoas de Carregal e Vixán, onde deu lectura a unha declaración institucional. Nela, a Xunta incide en que os espazos naturais protexidos deben entenderse como espazos de oportunidades. “Espazo protexido non é sinónimo de espazo prohibido, senón de oportunidade”, salientou o director de Conservación da Natureza resaltando a importante función social e educativa destes espazos que constitúen verdadeiros focos de atracción turística, sobre todo, no que a turismo de natureza se refire.

“A natureza non entende de fronteiras administrativas, e nese sentido a rede de espazos naturais para o novo milenio vén marcada pola Rede Natura 2000” reza a declaración institucional, que avoga por que esta cadea de áreas protexidas amplíe o concepto de conservación e uso sustentable dos recursos naturais a territorios máis extensos, que se adapten aos retos do cambio global e aos novos enfoques sobre a xestión de ecosistemas, servizos ambientais e a sustentabilidade.

Por iso, en aras de conquerir este obxectivo, o Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, traballará para crear novas ferramentas concretas de análise e intervención para apoiar a contribución dos espazos protexidos ao benestar da sociedade e á sustentabilidade; abordará os espazos protexidos no marco do cambio global e das relacións entre ecosistemas, servizos ambientais e sustentabilidade; e fortalecerá os instrumentos de planificación, manexo e avaliación dos recursos naturais, culturais e socioeconómicos, para intervir positivamente na conservación dos espazos naturais.

“A nosa preocupación pola protección e conservación da natureza vai unida non só á fauna, á flora, aos ecosistemas e ás paisaxes”, aseverou o director de Conservación da Natureza, “senón tamén –incidiu-, ao futuro dos habitantes que viven nestas zonas, polo que o desenvolvemento socioeconómico da poboación residente e a educación e o lecer en contacto coa natureza tamén son pedra angular da nosa xestión ambiental”.

“Ademais da súa finalidade inherente, os Espazos Protexidos no século XXI deben xerar desenvolvemento socioeconómico nas zonas nas que se sitúan, servindo de modelo para iniciativas de sustentabilidade e para a plena integración ambiental das actividades económicas tradicionais e dos novos emprendedores. Ese é o noso reto para o futuro e nel estamos comprometidos todos os que entendemos que na conservación e na recuperación da nosa biodiversidade e a nosa paisaxe, nos xogamos algúns dos nosos acenos de identidade máis xenuínos e valiosos de Galicia, así como o legado ás xeracións futuras en grao sumo significativo do noso patrimonio natural”, concluíu.

Parques naturais
Os primeiros parques nacionais europeos declaráronse en Suecia o 24 de maio de 1909. Para conmemorar ese día, desde 1999, a Federación EUROPARC, organización paneuropea que reúne os espazos protexidos de preto de 40 países, celebra o Día Europeo dos Parques.

En Galicia existen seis parques naturais, cunha extensión de 40.661,80 ha: as Fragas do Eume; o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; o monte do Invernadoiro; Serra da Enciña da Lastra; Baixa Lima-Serra do Xurés; e Monte Aloia.

Así mesmo, Galicia conta co Parque Nacional das Illas Atlánticas, que comprende as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e ten unha extensión de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas.