14 mayo 2009

Feijóo empieza a ver las orejas al lobo con el tema de la financiación autonómica

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo expresou hoxe a súa preocupación por que na reforma do financiamento autonómico prevalezan “determinados egoísmos territoriais sobre a idea de equidade nacional” e advertiu de que “a crise non pode servir de escusa para afondar as diferenzas entre os diferentes territorios de España”.

O xefe do Goberno galego clausurou esta tarde a XXXII Asemblea da Confederación de Empresarios de Ourense, unha provincia que, sinalou, é a proba do “inxusto que sería primar o factor poboacional e esquecer a dispersión ou o envellecemento” no financiamento autonómico. Alberto Núñez Feijóo saliento que “non parece ecuánime” que os criterios de solidariedade que se aplican ao distribuír os tributos que se basean nas persoas físicas, se esquezan á hora de establecer as pautas do financiamento das autonomías.

Na mesma liña, o presidente galego resaltou que os factores que fan de Galicia unha comunidade cunha renda inferior a outros non teñen que ver coa falta de laboriosidade da súa xente ou de cultura emprendedora dos seus empresarios. “Só sendo un país preguizoso ou inhibido tería sentido un financiamento que nos castigara”, afirmou, poñendo Ourense como exemplo de “superación en condicións adversas que funden as súas raíces en complexos procesos históricos”.

Feijóo apuntou que da crise económica sairán territorios reforzados e outros rezagados, e salientou que Galicia pode conseguir estar entre os primeiros “se aunamos esforzos e cada un sabe cumprir co seu deber”. Nese sentido, reafirmou o seu compromiso de que empregar os instrumentos do autogoberno para “cooperar cos empresarios e fomentar o acordo dos axentes sociais”, e incidiu na necesidade de reformar o financiamento autonómico como “unha das pezas esenciais na maquinaria económica e fiscal que a Xunta está a por en marcha”.

O presidente da Xunta, quen recoñeceu as mostras de compromiso e profesionalidade dos empresarios, reiterou a vontade de que o Goberno galego “propicie acordos, impulse iniciativas, e non desista na defensa do interese de Galicia ante outras administracións”.

O titular do Executivo autonómico subliñou a inspiración empresarial das primeiras medidas postas en marcha pola Xunta. Así, indicou que ao igual que un empresario “non pode basear as súas previsións en mentiras, nin en entelequias, o Goberno galego tamén decidiu que “a verdade vai ser a nosa ferramenta”. Por ese motivo, engadiu, “o primeiro que fixemos foi un diagnóstico cru da nosa situación”, para que os cidadáns coñecesen o estado das contas.

Feijóo resaltou tamén que a actual etapa de incertezas esixe ser austeros e simplificar as estruturas, e defendeu unha concepción da administración que está composta por “servidores públicos que axeitan o seu organigrama non ás necesidades internas ou partidarias, senón ás esixencias da sociedade e do tempo que se vive”.

Nesa liña, o presidente da Xunta indicou que a crise obriga a seleccionar “obxectivos e prioridades”, e engadiu que esa “sana política empresarial” é a que guía os anunciados plans de choque do Goberno galego. Feijóo reiterou o principio formulado no seu discurso de investidura sobre que “estes tempos difíciles requiren non só cambios de goberno, senón tamén cambios de prioridades”.