COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, recibiu esta mañá no seu despacho de San Caetano ao presidente da Asociación do Pobo Xitano de Galicia, Sinaí Giménez Jiménez, nunha xuntanza que serviu de primeira toma de contacto e intercambio de opinións respecto á situación actual que afecta a este colectivo social.
López Abella comunicou a Sinaí Giménez que “desde a área de Benestar estamos valorando nestes momentos os principais problemas de integración que afectan ao colectivo do pobo xitano para coñecer de primeira man as súas necesidades e fixar consecuentemente as directrices futuras de actuación neste eido”.
A secretaria xeral de Familia e Benestar cualificou de “satisfactorio e moi oportuno” o encontro co máximo representante da Asociación do Pobo Xitano de Galicia, quen lle puxo enriba da mesa un proxecto de graduación para a integración real en materia laboral e social dos colectivos do pobo xitano, que será obxecto de análise por parte do departamento autonómico de Benestar.
Susana López Abella informou a Sinaí Giménez que “desde a Consellería de Traballo e Benestar amosamos o máximo grao de sensibilidade co colectivo do pobo xitano e imos estudar as canles de colaboración a establecer nesta nova lexislatura de Goberno autonómico que acaba de arrancar”.
“Desde a Xunta de Galicia cremos firmemente na inclusión social do colectivo xitano e imos poñer todas as medidas posibles pola nosa parte para facela efectiva”, sostivo López Abella. Neste sentido explicou que “se trata de avanzar na integración de todos aqueles colectivos con risco de exclusión social xa que unha correcta integración na sociedade redundará nunha mellora da calidade de vida”, concluíu.