21 mayo 2009

Referencia ampla do Consello da Xunta celebrado hoxe en Pontevedra

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NA DELEGACIÓN DA XUNTA
EN PONTEVEDRA O DÍA 21 DE MAIO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


DECRETOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada AC-416 (Carballo- Carballo (AC-414)), puntos quilométricos 0+000-1+360, do treito da estrada autonómica AC-414 (Carballo-Malpica), desde o p.q. 0+000 ata o 0+120 e do treito da AC-552 (A Coruña (A Grela)- Cee (AC-550)), puntos quilométricos 31+000-31+900, a prol do Concello de Carballo

• Decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de acondicionamento da estrada PO-225. Treito Pontecaldelas- PO-250 (Forzáns); e PO- 241. Treito Caritel- A Lama

ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se propón como candidato a ser nomeado como director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia a Alfonso Sánchez Izquierdo

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística a subscribir co Concello de Taboadela

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública en concreto do parque eólico Couteiro, promovido pola empresa Eólicos da Mariña S.L., así como a prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre a de diversos montes veciñais en man común, no concello de Ourol (Lugo)

• Acordo polo que se autoriza á Consellería de Economía e Industria para establecer anticipos de ata o 80% do importe da subvención na modalidade de axudas para proxectos de investigación básica correspondente á Orde na que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite) e se procede á súa convocatoria para o ano 2009

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autorizan compromisos de gastos de carácter plurianual, por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en relación coa orde pola que se convocan bolsas de colaboración en departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia destinadas ao alumnado de excelencia académica, para o curso académico 2009-2010

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que se nomean os membros do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

• Acordo polo que se autoriza á Consellería do Medio Rural a establecer, na Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para o ano 2009, a exención de constituír garantías ás entidades sanitarias de convenios para actuar como entidades colaboradoras nas axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria

INFORMES

CONSELLERÍA DE FACENDA

• Informe sobre o anteproxecto de Lei galega de medidas tributarias relativas ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para fomento do acceso á vivenda

APROBADO O DECRETO POLO QUE SE ESTABLECE A ESTRUTURA ORGÁNICA DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Ademais do conselleiro, integran a estrutura da Consellería a Secretaría Xeral e seis direccións xerais: Xustiza, Administración Local, Relacións Institucionais e Parlamentarias, Emerxencias e Interior, Relacións Exteriores e coa Unión Europea e Avaliación e Reforma Administrativa
• Tamén se lle adscriben as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, o IMELGA, EGAP, AGASP, AXEGA e as cinco delegacións territoriais da Xunta de Galicia, que dependen organicamente da consellería

O Consello da Xunta de Galicia deu esta mañá o visto e prace ao decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Entre as súas competencias figura prestar apoio e asistencia á Presidencia da Xunta e a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencia e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e avaliación e reforma administrativa.

Ademais do conselleiro, integran a estrutura da consellería a Secretaría Xeral; seis direccións xerais (Xustiza, Administración Local, Relacións Institucionais e Parlamentarias, Emerxencias e Interior, Relacións Exteriores e coa Unión Europea e Avaliación e Reforma Administrativa) e as cinco delegacións territoriais da Xunta de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Ademais, tamén se lle adscriben as delegacións da Xunta de Galicia no exterior, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, e os organismos autónomos da Escola Galega de Administración Pública, a Academia de Seguridade Pública e a Axencia Galega de Emerxencias.

Segundo se recolle no decreto, as unidades administrativas da Secretaría Xeral serán unha Vicesecretaría Xeral e as subdireccións xerais de Servizos Comúns, de Xestión Económica e Persoal e de Contratación.

A Dirección Xeral de Xustiza exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza; á promoción e desenvolvemento do dereito civil de Galicia; á demarcación e planta xudicial, notarial e rexistral e ao acceso dos cidadáns á xustiza en igualdade de oportunidades. No exercicio das súas competencias, correspóndenlle as relacións ordinarias cos órganos do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e demais institucións relacionadas co ámbito xurisdicional. Na súa estrutura intégranse as Subdirección Xeral de Relacións e Recursos Humanos da Administración de Xustiza; a de Medios; e o Servizo de Programas e Estudos.

No que se refire á Dirección Xeral de Administración Local ten dúas unidades administrativas: a Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais e a de Réxime Xurídico Local. É o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Comunidade Autónoma no que se refire á relación coas corporacións locais; elaboración de programas formativos en materia de Administración local; fomento da colaboración con entidades locais galegas; elaboración, impulso e xestión de programas con financiamento da Unión Europea e cooperación transfronteiriza; potenciación, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia; impulso do proceso de incorporación do galego á Administración local e o fomento da incorporación das novas tecnoloxías, entre outras funcións.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias conta con catro unidades administrativas; os Servizos de Seguimento Lexislativo e Acordos Parlamentarios; Desenvolvemento Institucional; Coordinación; e Documentación. Este centro directivo encárgase de informar e asistir ao Goberno nas súas relacións co Parlamento galego; a representación da Comunidade Autónoma no que atinxe ás relacións institucionais coa Administración e Goberno estatal, así como as restantes administracións e gobernos doutras CC.AA; e a representación da Comunidade galega na Comisión Mixta de Transferencias e nas comisións bilaterais de cooperación entre a Administración xeral do Estado e a autonómica, entre outras funcións.

En canto á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, estrutúrase en tres subdireccións xerais: a de Planificación e Protección Civil; a de Seguridade e Coordinación; e a de Xogo e Espectáculos Públicos. Este departamento exercerá a dirección, coordinación e execución das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de atención de emerxencias e de protección civil, tales como prevención, previsión e a análise de riscos; planificación da protección civil; intervención e atención das emerxencias e restablecemento dos servizos esenciais para a cidadanía afectada por unha emerxencia. Encargarase tamén da dirección do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e a representación da consellería na Comisión Nacional de Protección Civil e noutros organismos de coordinación.

Así mesmo, lle corresponderá a esta dirección xeral a planificación e coordinación dos plans e programas dos servizos contra incendios e salvamento locais sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlle á Dirección Xeral de Administración Local. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior debe encargarse tamén da xestión e resolución dos asuntos que lles corresponden en materia de interior (casinos, xogos e apostas; asociacións; e espectáculos públicos); e en materia de seguridade (servizos de seguridade, policías locais, persoal adscrito aos servizos policiais da Xunta, cooperación con forzas e corpos de seguridade do Estado, prevención e seguridade....).

Á Dirección Xeral Relacións Exteriores e coa Unión Europea configúrase como o órgano superior da Administración autonómica de apoio, asistencia e asesoramento ao presidente en todas as actuacións que, en materia de relacións coa Unión Europea, acción exterior, análise do contorno internacional que incida sobre as súas competencias e da cooperación ao desenvolvemento, leve a cabo a Administración autonómica, xestionando os procedementos que desas materias deriven. Este centro directivo estrutúrase en catro subdireccións xerais (a de Relacións con Unión Europea; a de Cooperación Exterior; a de Análise e Programación e a de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza), e contará tamén cun Servizo de Xestión Económica e de Coordinación Administrativa.

Por último, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa é o órgano central para impulsar actuacións de modernización e reforma administrativa co obxectivo de acadar unha Administración pública eficaz, eficiente e orientada á prestación de servizos da calidade ao cidadán. Este centro directivo exercerá as súas competencias sobre todas as consellerías, organismos autónomos, entes públicos, fundacións e empresas públicas da Administración da Comunidade Autónoma, coa exclusión dos sistemas sanitarios, educativo e xudicial. As unidades administrativas coas que contará esta dirección xeral serán os equipos de auditores e analistas de xestión do rendemento e calidade e a Subdirección Xeral de Modernización Administrativa.


A XUNTA TRASPASA AO CONCELLO DE CARBALLO VARIOS TRAMOS URBANOS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS

• A Lei de estradas de Galicia establece que as vías autonómicas ou treitos determinados das mesmas, nos que a circulación adquira características urbanas, poderán ser entregadas aos respectivos concellos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade de varios puntos da rede viaria de Galicia ao seu paso polo Concello de Carballo. Así, toda a lonxitude da avenida de Malpica, tamén denominada AC-416 (Carballo- Carballo) de 1,3 quilómetros; o treito da AC-414 (Carballo- Malpica) que discorre entre o quilómetro 0 ata o 0,120; e o treito da AC-552 (A Coruña- Cee) dende o punto quilométrico 31 ata o 31,900, pasarán a engrosar a lista de estradas de titularidade do Concello de Carballo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu a proposta de titularidade favorable, ao considerar que os tramos mencionados adquiriron características netamente urbanas. Este ditame foi comunicado ao Concello de Carballo que, o pasado 2 marzo, manifestou a súa aceptación.

Nese senso, correspóndelle a este concello coruñés todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos viais, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidera corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Cómpre precisar que a entrega dos viais formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Cesión regulada por lei
Segundo se recolle no artigo 5 da Lei 4/1994 de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería con competencias na materia e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outro lado, o artigo 54 deste texto legal establece que as estradas autonómicas ou treitos determinados das mesmas, nos que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. Tamén se estipula que o expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular e será resolto polo Consello da Xunta.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA UN INVESTIMENTO DE CASE 11 MILLÓNS DE EUROS NA MELLORA DA ESTRADA ENTRE PONTECALDELAS E A LAMA

• Esta actuación ven motivada polas carencias e deficiencias desta estrada, xa que se trata dun vial cun trazado moi antigo e sinuoso, cunha elevada sinistralidade
• Nesta área estase a realizar unha inversión de máis de 22 millóns de euros na mellora de varios viais

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe un investimento de case 11 millóns de euros no acondicionamento da estrada PO-255 entre as localidades de Pontecaldelas e Forzáns, vial pertencente a rede primaria complementaria, e Caritel - A Lama (PO-241), tramo incluído na rede secundaria da Xunta de Galicia.

O Goberno galego declarou a utilidade pública desta obra, trámite previo á ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de mellora da vía antes nomeada. Este proceso ven motivado polas carencias e deficiencias desta estrada, xa que se trata dun vial cun trazado moi antigo e sinuoso, que provoca unha sinistralidade elevada.

O Goberno galego cree que estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación, coa fin de preservar a seguridade tanto dos automobilistas como dos peóns.

As obras afectarán a un total de 9,5 quilómetros nos municipios de Pontecaldelas e A Lama, polo que beneficiarán dun xeito directo a unhas 10.000 persoas. Con esta actuación mellóranse as comunicacións viarias co centro penitenciario da Lama e a súa conexión cos centros de administración de Xustiza.

Nesta infraestrutura realizarase unha escavación de algo máis de 87.900 metros cúbicos de terra; e 179.072 metros cúbicos de terraplén. Ademais, levaranse a cabo dúas glorietas en interseccións; a urbanización e reposición de servizos públicos; a restauración paisaxística; a drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización e balizamento. A realización deste proxecto obrigará á expropiación de 328 fincas afectadas.

O levantamento de actas previas realizarase ao longo do segundo semestre de 2009. As obras comezarán no primeiro semestre de 2010 e estarán rematadas a finais do ano 2012.

Obras por máis de 22 millóns de euros
Nestes momentos, nesta área xeográfica estase a facer unha inversión de máis de 22 millóns de euros no total dos distintos tramos.

As actuación antes mencionadas súmanse outras obras nesta zona como é o tramo comprendido entre Fornelos de Montes e Forzáns (PO-250), xa inaugurado e en servizo, e da estrada PO-235 no treito Carballedo- A Lama que ten previsto o seu remate a finais deste mesmo ano e que conta cun orzamento superior aos dous millóns de euros.

Por outra banda, e, en relación as obras do treito comprendido entre Fornelos de Montes e Forzáns, os traballos contaron cun investimento de máis de 8 millóns de euros e están a beneficiar, dun xeito directo, aos máis de 14.500 veciños dos concellos de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Pontecaldelas e A Lama

Esta actuación tivo como principal obxectivo ensanchar e mellorar o trazado da estrada coa fin de aumentar a súa capacidade e incrementar os parámetros de seguridade vial.

PRESIDENCIA DA XUNTA
PROPOSTO PARA A DIRECCIÓN XERAL DA COMPAÑÍA DE RADIO TELEVISIÓN DE GALICIA
Alfonso Sánchez Izquierdo

É titulado en Xornalismo na Escola de Xornalismo da Igrexa, en Madrid, e licenciado en Dereito pola Universidade Complutense.

En 1983 foi nomeado director xeral do xornal La Región, ao que estivo vinculado nos últimos anos. Exerceu, ademais de conselleiro delegado do xornal Atlántico Diario de Vigo (1987), da Axencia Galega de Noticias (1990) e como presidente e conselleiro delegado de Telemiño S.A. Tamén foi socio conselleiro de Acioavia Wises S.L. O pasado ano foi nomeado presidente da Asociación Galega de Xestión da Comunicación.

Exerceu, ademais, a súa actividade docente como profesor asociado de Xestión de Empresa Informativa na Universidade de Santiago de Compostela e de Programación e Técnicas de Relacións Públicas, na Universidade de Vigo.

Alfonso Sánchez Izquierdo foi galardoado en 2005 co premio Diego Bernal, da Asociación de Periodistas de Galicia. Foi coautor do libro Diálogo Social en Galicia, en 2008; e Veinticinco años de autonomía de Galicia, en 2005. Tamén presidiu a comisión de medios de comunicación do Plan de normalización lingüística de Galicia.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A ADHESIÓN DO CONCELLO DE TABOADELA Á AXENCIA DE PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA

• Esta decisión supón que a APLU exercerá efectivamente as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio de Taboadela

O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de adhesión do concello ourensán de Taboadela á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), de conformidade co disposto no artigo 226.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e os artigos 9 e 10 dos estatutos da Axencia.

Esta decisión do Goberno galego supón que a Axencia terá as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio de Taboadela, respecto das obras e usos do solo que se fagan en solo rústico e en solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística exercerá efectivamente dende o día seguinte a publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia. No obstante, nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

Así mesmo, os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas, serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello.

Con todo, o Concello de Taboadela terá que contribuír ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e asume determinadas obrigacións como prestar cooperación e asistencia activa que a Axencia lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencia; facilitar ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; prestar o auxilio da policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precinto de obras e identificar aos responsables das posibles infraccións e absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos que a Axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada, entre outras.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.


A XUNTA AUTORIZA A INSTALACIÓN DO PARQUE EÓLICO COUTEIRO NO CONCELLO DE OUROL

• O parque estará promovido por Eólicos da Mariña S.L e terá unha potencia de 7,8 MW

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe a autorización para a instalación do parque eólico Couteiro, no concello de Ourol (Lugo).

Estas instalacións, que serán explotadas pola empresa Eólicos da Mariña S.L, estarán compostas por catro aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que crearán 7,8 MW de potencia.

Esta aprobación resposta á proposta realizada desde a Consellería de Economía e Industria.

Con este acordo, ademais, declárase a prevalencia da utilidade pública do proxecto do parque eólico sobre os montes veciñais en man común de Carranco, Chao dos Navás, Paiomouro, Seixo do Abertido, Moles, Panda da Serra e Couteiro e Serra de Loibán, Costa de Cebrán, Lombas, e Pico o Raso e pertencentes ás comunidades de montes de Bravos e Ourol no Concello de Ourol (Lugo).

O proxecto de execución de dita instalación foi visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia en xullo de 2004. Neste último ano producíronse unhas modificacións recollidas no proxecto de addenda de modificación do parque eólico Couteiro que tamén foron visadas polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Desta forma, o Consello da Xunta de Galicia concede a autorización administrativa, aproba o proxecto de execución así como o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública.



A XUNTA DE GALICIA ANTICIPARÁ ATA O 80% DAS AXUDAS PARA PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN BÁSICA

• O compromiso económico da Xunta de Galicia con estas axudas ascende a 6.230.000 euros
• En paralelo coa concesión de anticipos anuais, a convocatoria establece un sistema de rendición de contas e informes de carácter científico- técnico

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe a autorización á Consellería de Economía e Industria para establecer anticipos de ata o 80% do importe das subvencións para proxectos de investigación básica correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación pertencente ó Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite).

As modalidades de axudas que se convocan son para a realización de proxectos de investigación básica, a preparación e participación en programas internacionais e para a organización e asistencia a congresos e cursos científicos.

O compromiso económico da Xunta de Galicia con estas axudas ascende a 6.230.000 euros durante toda a súa vixencia (exercicio corrente e futuros).

As axudas para proxectos de investigación constitúen o eixo central da convocatoria e teñen carácter plurianual. Co anticipo dos fondos elimínase a problemática que xera a dependencia destes proxectos a factores externos que inciden na previsión e, en consecuencia, nas cifras a executar en cada anualidade.

Este sistema de anticipos está, en todo caso, en sintonía co Plan nacional, xa que ambos teñen as mesmas finalidades e van dirixidas ós mesmos beneficiarios (universidades e centros públicos de investigación).

En paralelo coa concesión de anticipos anuais, a convocatoria establece un sistema de rendición de contas e informes de carácter científico- técnico que permite facer un seguimento da execución dos proxectos subvencionados por parte da Consellería a través da Dirección Xeral de I+D+i.

O prazo para solicitar estas axudas esténdese ata o 30 de xuño do 2009.




A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN DESTINARA 126.000 EUROS EN BOLSAS DE COLABORACIÓN EN DEPARTAMENTOS DAS UNIVERSIDADES GALEGAS

• Son para o alumnado de excelencia académica do curso 2009-2010

O Consello da Xunta de Galicia ven de aprobar a Orde da Consellería de Educación, pola que se convocan bolsas de colaboración en departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia destinadas ao alumnado de excelencia académica, para o curso académico 2009-2010. As bolsas terán unha dotación total de 126.000 euros.

Pola devandita Orde convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 40 bolsas de colaboración en departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia, para o curso académico 2009-2010, destinadas ás alumnas e alumnos do último curso de ensinanzas universitarias co obxectivo de iniciarse en tarefas de docencia e de investigación directamente vinculadas cos seus estudos.

Poderán solicitar estas axudas e, no seu caso, ser beneficiarios delas, os universitarios que se matriculen no vindeiro curso, que non estean en posesión ou en disposición legal de obter o título académico de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, e que posúan unha nota media igual ou superior a 2.

Trátase, xa que logo, de bolsas para alumnos do último curso matriculados en calquera das tres universidades. Coas particularidades de que o alumnado que curse ensinanzas contempladas na Lei de reforma universitaria (LRU) deberá ter superado, na formalización da matrícula, o primeiro ciclo e o 45% dos créditos que integran o segundo, agás os de medicina que deberán ter superado o 60%. Ademais, o alumnado que curse ensinanzas de grao deberá ter superado o 72% dos créditos da titulación.

Desde o ano 2001 en que se concederon 49 bolsas dun total de 225 peticións, a Consellería rebaixara a 25 o número de becas durante 4 anos. Nesta ocasión mantense o mesmo número de bolsas (40) ca nos últimos tres exercicios e con idéntico orzamento.





A XUNTA NOMEA AOS MEMBROS DO CONSELLO DE DIRECCIÓN DA AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

• A dirección de Agader reduce a súa composición de 13 a 9 membros

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento das persoas que formarán parte do Consello de Dirección da Axencia galega de desenvolvemento rural (Agader), que reduce a súa composición de 13 a 9 membros.

Os novos integrantes de Agader serán o titular da Consellería do Medio Rural, Samuel Juárez (presidente), o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo Iglesias, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Encarnación Rivas Díaz, a directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, María Nava Casto Domínguez, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez Carballo, o director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, Andrés Hermida Trastoy, a secretaria xeral de Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pardo López, e o subdirector xeral de Coordinación de Investimentos e Fondos Comunitarios da Consellería de Facenda, Fernando Brandeiro Candelas.

A Axencia galega de desenvolvemento rural (Agader) foi creada de acordo á Lei de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo que establece as normas de regulación de, entre outros órganos de goberno, o Consello de Dirección de Agader, e determina que este debe estar composto por un número impar de membros, cun máximo de trece.

O decreto que fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribe a Axencia á Consellería do Medio Rural e outorga nova denominación aos órganos por referencia aos cales está representada a Administración autonómica no Consello de Dirección da Axencia. Esta circunstancia exixe adaptar a composición de dirección da Agader á nova estrutura orgánica da Xunta

A XUNTA CONVOCA AS AXUDAS DO ANO 2009 PARA OS AGRICULTORES PERTENCENTES A AGRUPACIÓNS DE DEFENSA FITOSANITARIA QUE DESENVOLVAN ACTUACIÓNS DE LOITA CONTRA AS PRAGAS

• O importe das axudas ascende neste exercicio a 200.000 euros
• Poderán acollerse a esta liña os agricultores que desenvolvan a súa actividade nos sectores da produción de horta, froiteiras e da vide que pertenzan a unha agrupación e que desenvolvan un programa para loitar contra as pragas

O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria de axudas correspondentes ao ano 2009 para os agricultores que pertencen a unha agrupación de defensa fitosanitaria (ADF) e que desenvolven programas de loita contra as pragas. O importe total das subvencións ascende, neste exercicio, a 200.000 euros.

As ADF son asociacións ou agrupacións de agricultores, federacións recoñecidas oficialmente, así como outras entidades relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, que desenvolven programas de defensa fitosanitaria dos cultivos orientados á redución do uso de praguicidas empregando as técnicas de control integrado de pragas.

Deste xeito, á convocatoria de axudas para o ano 2009, poderanse acoller todos aqueles agricultores que desenvolven a súa actividade nos sectores de produción de horta, froiteiras e da vide, que pertenzan a unha agrupación de defensa fitosanitaria e empreguen os seus servizos para o desenvolvemento dun programa de defensa de pragas.

As axudas sufragarán os custos dos servizos recibidos polo beneficiario, e prestado polo persoal técnico contratado pola agrupación de defensa fitosanitaria, para a realización de tarefas de seguimento, detección e diagnose de pragas, recomendacións de tratamentos, seguimento da súa evolución, auxilio na formalización do caderno de explotación e outras actuacións técnicas durante o período de produción do seu cultivo e ata o 15 de outubro do ano 2009.

Importe das axudas
O importe das axudas que incluirá o asesoramento e a adaptación do material de técnicas de control que poidan achegar unha innovación e mellora para a loita contra organismos nocivos que atacan os cultivos do programa non superarán en ningún caso os 700 euros por agricultor.

Segundo se establece na orde, as ADF poderán actuar como entidades colaboradoras da xestión das axudas aos agricultores para o emprego dos servizos técnicos prestados por elas. A Consellería do Medio Rural e as entidades colaboradoras formalizarán convenios de colaboración nos que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas nas xestión do programa.

Así mesmo, a presente orde establece a exención de constituír garantías ás entidades asinantes dos convenios para actuar como entidades colaboradoras nas axudas para os agricultores membros destas agrupacións de defensa sanitaria. Deste xeito, exímese ás entidades colaboradoras da obriga de presentar garantías polo importe total dos fondos recibidos máis os xuros de demora correspondentes ata seis meses despois da finalización do prazo de xustificación da aplicación dos fondos, exención que resulta necesaria por tratarse de entidades sen ánimo de lucro e con pouca capacidade financeira.



FACENDA INFORMA AO CONSELLO DO ANTEPROXECTO DE LEI PARA REBAIXAR Á METADE O IMPOSTO SOBRE TRANSMISIONS PATRIMONIAIS E ACTOS XURIDICOS DOCUMENTADOS PARA MOZOS E FAMILIAS NUMEROSAS

• O obxectivo é facilitar a estes colectivos o acceso á vivenda e servir de estímulo para a reactivación do sector inmobiliario
• No Imposto sobre transmisións patrimoniais o tipo de gravame aplicable será do 4% e no de actos xurídicos documentados do 0,3%
• Esta rebaixa fiscal terá un impacto anual duns 7 millóns de euros

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, informou hoxe ao Consello da Xunta do anteproxecto de Lei de Medidas Tributarias para o fomento do acceso á vivenda que inclúe unha rebaixa á metade no Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, do que se beneficiarán as familias numerosas e os menores de 36 anos de idade.

O obxectivo desta medida, que responde a un compromiso do novo Goberno, é facilitar o acceso á vivenda destes colectivos e, ao mesmo tempo, servir de estímulo para a reactivación do sector inmobiliario.

No caso do Imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de inmobles que vaian constituír a vivenda habitual do contribuínte será do 4%, fronte ao 7% actual. Para iso, o beneficiario ten que ser membro de familia numerosa ou ter unha idade inferior a 36 anos de idade.

Para estes mozos se trata dunha medida que terá un carácter provisional no tempo, pois estará en vigor ata finais do ano 2011, pero con posibilidade de prórroga, mentres que para as familias numerosas esta redución do gravame será permanente.

No Imposto sobre actos xurídicos documentados, na súa modalidade de documentos notariais, o tipo de gravame para as primeiras copias de escrituras que documenten unha adquisición de vivenda habitual será do 0,3%, sempre que se cumpran os mesmos requisitos sinalados para o Imposto de transmisións patrimoniais.

A Consellería de Facenda estima que esta rebaixa fiscal terá un impacto anual duns 7 millóns de euros, en función dos límites que finalmente se fixen en canto a topes de renda e de patrimonio dos posibles beneficiarios. Desta cantidade, 6,2 millóns de euros correspondería aos menores de 36 anos, polo que só se produciría durante os tres anos de vixencia prevista.