10 mayo 2009

Más programas europeos conjuntos entre Galicia y Portugal

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) . Galicia e norte de Portugal porán en marcha nos próximos meses varias accións enmarcadas no programa europeo “Espazo Xuvenil na Axenda de Lisboa” para impulsar o emprego nas zonas transfronteirizas grazas a un proxecto bianual (2009-2010) que conta cun orzamento de preto dun millón de euros. Así o explicou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, na xornada sobre o “Asociacionismo Xuvenil e Europa” organizada polo Instituto Portugués da Xuventude na cidade de Braga, con motivo do Día de Europa que se celebra hoxe.

Na súa intervención, Rodeiro lembrou que esta iniciativa, que ten como cabeza de fila a Xunta de Galicia a través da Dirección e Xuventude e Voluntariado, enmárcase dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013.

Os obxectivos deste proxecto, indicou o director de Xuventude, son desenvolver a actividade económica e o emprego para a mocidade na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e por en marcha accións conxuntas para que os mozos e mozas sintan este territorio como “lugar atractivo onde permanecer, para o que “se precisan mecanismos que impulsen a actividade económica nesas zonas.”

Para iso, o programa conta, entre outros co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia ou o Consello de Cámaras, así como outras asociacións e institucións portuguesas.

Neste eido, Rodeiro Tato, incidiu nun dos retos desta iniciativa que é o fomento do espírito emprendedor de cara a acadar a creación de empresas galaico-portuguesas cuxa actividade se centre no ocio, tempo-libre, animación, proxectos culturais ou ambientais, sen esquecer aquelas iniciativas que procuren a igualdade de oportunidades.

A cooperación futura de mozos e mozas dun e doutro lado da fronteira supón tamén unha meta para este proxecto xuvenil.

Xunto a Ovidio Rodeiro participaron ademais Vitor Baltazar Dias, director rexional da zona Norte do Instituto Portugués da Xuventude, Luis Alves, presidente da Federaçao Nacional das Associaçoes Juvenis, David Guedes, membro do Consello Nacional da Juventude e Pedro Soares, da Assciaçao Académica da Universidade do Minho.

Rodeiro Tato tivo ademais a oportunidade de intercambiar con outros responsables de xuventude as distintas propostas que formarán parte do paquete de iniciativas que se porán sobre a mesa na reunión do Consello de Europeo de Ministros da Xuventude, que terá lugar en Bruxelas o próximo luns, 11 de maio. De feito, o pasado 6 de maio, os responsables das distintas comunidades autónomas de España reuníronse en Segovia para elaborar un documento común que se analizará neste encontro europeo no que se prevé se acorden as liñas estratéxicas da política de Xuventude da UE para de aquí ao 2017.