11 mayo 2009

No Día das Letras 2009

Ramón Piñeiro

Día das Letras Galegas 2009

(Láncara, 1915 – Compostela, 1990)

O escritor, filósofo, ensaísta e político homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas foi xunto con Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto un dos intelectuais que participaron activamente nos primeiros anos da Editorial Galaxia. Mesmo foi nomeado o primeiro director literario desta editorial, que dirixiu e traballou até 1966, publicando numerosos artigos en baixo o pseudónimo Luís Veiga do Campo.

En 1951 publicou o seu primeiro ensaio filosófico, “Significado metafísico da saudade”. En 1954 redactou un documento no que se rexeitaba a represión á que estaban sometidas a lingua e cultura galegas naqueles anos. Foi asinado por outros intelectuais e centros galegos de América e presentado na VIII Asemblea xeral de UNESCO, e este feito provocou un serio enfrontamento cos representantes oficiais de España na asemblea. Impulsou e preparou a edición, en 1958, do “Diccionario enciclopédico gallego-castellano”, de Eladio Rodríguez inédito dende a morte deste en 1949. Ben significativas para moitos mozos galegos foron as tertulias ao redor da súa "mesa camilla" na que alentaba a estes no debater da realidade que se estaba a vivir por aquela.

En 1963 e coa súa intervención nace en Vigo a Fundación Penzol e a revista Grial, que dirixe xunto con Francisco Fernández del Riego. Catro anos máis tarde entra na Real Academia Galega co discurso "A lingoaxe e as língoas", baseado no carácter da lingua galega como signo de identidade do pobo. Velaquí unhas verbas do autor:

“Nós os galegos -e xustamente como galegos- somos unha desas unidades naturais en que a Humanidade se realiza: Somos unha das formas de expresión do pulo creador da vida humana. Porque somos un pobo dotado dunha lingua, e polo mesmo, dunha cultura, somos unha realidade orixinal dentro do patrimonio cultural. A nosa misión consiste en facer que esa realidade orixinal acade a súa plenitude. Somos os responsables de que prospere ou fracase unha creación que a vida humana expresa a través de nós.”

En 1983 foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que ostentaría até o seu pasamento. Dez anos máis tarde foi inaugurado o Centro de Investigación Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, centro que no 1997 pasou a se denominar Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

No ano 2000, Galaxia convocou os Premios Ramón Piñeiro de ensaio e no 2003 o Centro Ramón Piñeiro comeza a publicar Cadernos Ramón Piñeiro, subtitulados Cadernos galegos de pensamento e cultura. No mesmo 2003 este centro Ramón Piñeiro convocou os Premios Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve. Na actualidade ambos os dous premios están unificados como Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Non é un autor moi prolífero, pero como tradutor destacan as traducións realizadas, xunto a Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger, que no seu momento supuxeron, segundo a RAG "un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando así a súa cualificación como lingua rural e poética na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra”.