VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O compromiso electoral do PP, asumido pola Consellería de Educación, pasa por derrogar o decreto de galeguización do sistema educativo sen que iso signifique que en ningún caso a lingua galega, como parte substancial do patrimonio de Galicia vai quedar desprotexida. Así se puxo de manifesto na rolda de prensa ofrecida hoxe polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Na conferencia de prensa o titular do departamento anunciou que o novo decreto aplicarase para o curso 2010-2011 despois de acadar o máximo consenso familiar, educativo, social e político posible. Nese sentido dixo que serán os pais e as familias as que serán consultadas para posibilitar unha nova norma que garanta a liberdade lingüística como algo prioritario. “E coido –agregou- que a oposición non lle vai dar as costas ao consenso”
O conselleiro, que principiou o encontro cos informadores presentando en sociedade ao novo titular de Política Lingüística, foi tallante: “No novo decreto –dixo- a preservación da liberdade de elección vai ser clave. Nel daremos cumprimento ao que os pais decidan, algo que coñeceremos a través das consultas que lles imos facer de inmediato. Imos precisar de tempo para pulsar o que pensan as familias, o que pensa a sociedade e acadar unha nova norma que faga posible, en liberdade, ese bilingüismo cordial da rúa ao que non podemos renunciar, como tampouco imos renunciar á promoción do galego”. Polo momento, estímase que o borrador do decreto estará listo en 5 meses e neste mesmo ano empezarán as negociacións para consensual o texto definitivo.
Tras matizar, respondendo a preguntas dos informadores, que obviamente non se trata de fabricar un decreto para que todo o mundo poida elixir á carta, Xesús Vázquez amosouse partidario de consensual todo o que formularán as partes implicadas, sempre que os orzamentos o permitan. Nese sentido tamén involucrou aos profesores. “Temos –dixo- o mellor profesorado da historia -bilingüe, por certo- ; temos os pais máis preocupados pola educación dos seus fillos, pero aínda así, temos fracaso escolar. Así que algo falla no sistema”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, principiou proclamando a súa total “lealdade e implicación no proxecto” e dixo que asumía o cargo para facer “unha política lingüística para toda a sociedade galega, asentada sobre a base do maior consenso posible. O noso obxectivo –dixo- é que os alumnos aprendan as dúas linguas oficiais de Galicia e si se pode acadar nesta lexislatura o modelo de educación trilingüe, tanto mellor, pero iso vai depender de si se conta ou non cos recursos necesarios ”. Lorenzo Suárez engadiu que a súa misión era conseguir concordia e consenso para un novo decreto, xa que o anterior aprobouse sen o consenso das tres forzas do Parlamento galego. “De feito, o goberno anterior tiña mesmo unha oposición ao decreto que agora imos derrogar. Estes momentos tampouco son os mais favorables para acadar un consenso porque estamos nunha conxuntura quente que hai que desartellar. Temos que empezar a buscar puntos de conexión en torno a asuntos como a liberdade individual ou a non discriminación. Temos, en definitiva, que empezar a construír un pacto como o que no ano 81 conseguimos entre todos”.
Sobre a autonomía coa que traballará o secretario xeral, Xesús Vázquez precisou que Anxo Lorenzo era membro do seu equipo, coñecedor dos compromisos da Consellería e das funcións que viña de aceptar. “É un auténtico profesional perfectamente capacitado para levar a cabo os nosos plans, coincidimos en moitas cousas, imos traballar cóbado a cóbado. Pero dito isto tamén debo dicir que o responsable da política lingüística vai ser el”.
Preguntado polas descualificacións realizadas por Galicia Bilingüe contra a designación do secretario xeral, o conselleiro dixo que respectaba todas as opinións e que non pensaba facer comentario algún ao respecto. Sobre o futuro das aulas de inmersión lingüística respondeu que “o devandito programa experimental vai ter probablemente menos sentido co novo decreto, e acerca do topónimo La Coruña remitiuse ao que decidira a corporación herculina e ao que a lexislación ordena”.
Finalmente, o conselleiro anunciou que nos próximo días se dará a coñecer cal é exactamente a situación económica da Consellería. “E evidente que padecemos graves problemas desa índole por compromisos adquiridos polo goberno bipartito”.