05 mayo 2009

Otra ración de buenas palabras en la toma de posesión de otra hornada de nuevos cargos de la Xunta

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que as novas delegacións territoriais da Xunta perseguen un triple compromiso: coa coordinacion, co equilibrio territorial e coa austeridade dun Goberno que, dixo, “deixa de gastar máis en si mesmo para gastar todo nos demais”. Así o manifestou no acto de toma de posesión dos cinco delegados territoriais da Xunta: Diego Calvo Pousa (A Coruña), Raquel Arias Rodríguez (Lugo), Rogelio Martínez González (Ourense), José Manuel Cores Tourís (Pontevedra) e Lucía Molares Pérez (Vigo).

Segundo expuxo o presidente da Xunta na súa intervención, a designación destes cinco delegados territoriais representa “unha nova forma de concibir os gobernos” e “un cambio de tendencia histórica na que se malentendía que a medida que pasaba o tempo a Administración autonómica tiña que crecer e engordar de forma continua”, observou.

A instauración destas cinco delegacións territoriais, que suprimen 52 altos cargos na administración periférica da Xunta, supón “o compromiso dun Goberno que quere saírlle máis barato aos cidadáns, que quere investir nos problemas dos cidadáns e menos nas estruturas administrativas”, remarcou o presidente galego para quen, “despois de 25 anos dunha administración consolidada”, é preciso “non facela máis grande senón máis eficiente, máis eficaz e máis áxil”.

“Creo que esta é unha destas decisións que perdurará ao longo do tempo” e “pode ser unha decisión que perdure aos gobernos que nos sigan na responsabilidade da Xunta de Galicia”, apostilou.


Un triple compromiso
Feijóo referiuse ao que será o triple compromiso que perseguen estas cinco delegacións que buscan cumprir, ademais de coa austeridade, co obxectivo da coordinación e o equilibrio territorial.

Así, recoñeceu que o compromiso coa coordinación permitirá que tanto os responsables políticos como os cidadáns poidan identificar con maior claridade cales son os seus interlocutores do goberno en cada un dos territorios. “Un goberno único pode plantexar un representante único, e un goberno coordinado pode ter un único representante máximo en cada provincia”, remarcou.

O terceiro é o compromiso que o Goberno asume co equilibrio territorial e que, en palabras do xefe do Executivo, “pretende facer partícipe a todos os cidadáns dos proxectos dunha Galicia única, que non abandona un só territorio, que non desperdicia un só esforzo e que saca partido a todos os seus recursos”.

“Facer de Galicia un país de oportunidades é o obxectivo número un e hoxe tentamos que esas oportunidades se dean desde un principio de igualdade de condicións de todos os cidadáns”, aseverou Feijóo, que engadiu: “Galicia certamente non é un país uniforme pero si deben ser uniformes as posibilidades de chegar a unha igualdade de oportunidades de todos vivan onde vivan”.

O mandatario galego reiterou que estas delegacións supoñen “un novo modelo de organización” pero, tamén, unha aposta clara por concibir a administración confiando nos empregados públicos. A obriga de poñer ao fronte de cada unha das consellerías nas provincias a un empregado público supón, segundo puntualizou Feijóo, “un compromiso cos empregados públicos responsables e capaces”. “A inmensa maioría dos empregados públicos estaba esperando a oportunidade de amosar que tamén ao fronte de cada unidade administrativa de cada consellería debe de haber e pode haber un responsable que sexa empregado público”, argumentou.

O máximo mandatario galego manifestou que a crise, o paro e a universalización dos servizos sociais son as tres prioridades que deben marcar o traballo destas delegacións territoriais, xunto coa comunicación constante entre os delegados e as consellerías, os alcaldes, os presidentes das deputacións e, sobre todo, entre os delegados e os cidadáns.

“Sei que a aposta é arriscada pero paga a pena pasar de 52 altos cargos da administración periférica a cinco, e coido que nestes momentos é máis que nunca necesario facer unha aposta pola eficacia, a eficiencia e pola austeridade no gasto público”, reiterou o presidente, quen trasladou a súa felicitación aos nomeados, dos que destacou a súa experiencia política no ámbito local, provincial ou autonómico.

“A todos os felicito, os animo e lles brindo o respaldo de todo o Goberno e as institucións autonómicas para facer o seu traballo”, concluíu.

Un abrazo fraternal para as familias das deportistas que sufriron o accidente
Na toma de posesión de José Ramón Lete Lasa como secretario xeral para o Deporte, o presidente da Xunta quixo transmitir “un abrazo fraternal” ás subcampionas de España de voleibol xuvenil e xogadoras do equipo lucense Emeve, que onte sufriron un accidente de tráfico no que dúas delas perderon a vida. “Gañaron na cancha e dúas delas perderon a vida nas estradas”, dixo Feijóo, quen trasladou unha mensaxe de apoio ás integrantes do equipo que permanecen ingresadas no Hospital Clínico de Santiago. “Esperamos que poidan gañar este campionato de esforzo”, subliñou. “Dese aquí a toda a familia do deporte lucense, ás federacións e clubes de Galicia e España o sentimento de solidariedade do Goberno de Galicia e do pobo galego”.

No seu discurso, o presidente da Xunta apuntou que a Secretaría Xeral para o Deporte nace coa vocación de universalizar a práctica deportiva á inmensa maioría dos cidadáns, e explicou que a dependencia desta secretaría xeral coa Presidencia da Xunta “significa un compromiso coa vida saudable e cos valores que están detrás dos deportistas, que nos ensinan que hai que saber gañar e hai que saber perder, que hai que ser disciplinado que hai que buscar sempre o éxito a través do sacrificio”, incidiu.

Así, alegou que o Goberno galego está “plenamente identificado” con este valores e por iso, engadiu, o deporte é unha recomendación constante do Goberno que quere achegar aos cidadáns as mellores posibilidades e condicións para practicar deporte.

“O deporte ten un triple obxectivo: como ocio, como deporte estratéxico e como deporte de base e ese é o triple obxectivo que hoxe o Goberno asume no eido deportivo”, remarcou Núñez Feijóo que, reiterou: “Queremos cambiar a politización do deporte por unha auténtica política do deporte, e esta Secretaría Xeral non fará máis que política deportiva e non terá máis compromisos que a igualdade, a innovación e a vida saudable que supón a práctica do deporte”, aseverou.