VIGO (MORRAZO-tribuna) .- Foi todo un aldabonazo novamente. Miles de traballadores do naval vigués decidiron volver saír hoxe á rúa e fixéronno "como resposta ás cargas policiais rexistradas onte por parte dos policías antidisturbios". Manifestantes que saíron ás ruas aínda que non existe convocatoria previa de folga para esta mañá.
Os sindicatos CIG, CCOO e UXT acordaron, nunha reunión mantida nunha cafetería da cidade, paralizar a actividade no naval de Vigo de 10.00 a 14.00 horas. Tras as asembleas celebradas nos estaleiros os traballadores, co mono de traballo e o casco, os obreiros comezaron unha marcha que acabou por ter cortadas varias rúas da zona de Bouzas e de Guixar, onde onte se viviu unha auténtica batalla campal entre os antidisturbios e os traballadores. Tras cortar o tráfico en Urzaiz e Gran Vía desenrolouse como estaba previsto unha asemblea na zona próxima ao Concello.
O representante da UXT, Diego Atanez, destacou que «esta mobilización é moi especial xa que está demostrando á sociedade que somos traballadores non delincuentes, nin vándalos». Atanez animou, ademais, a seguir «loitando» por alcanzar un convenio colectivo xusto e arremeteu contra a patronal aos que acusou de ser os «únicos culpables do bloqueo da negociación». Na xornada de hoxe estaba previsto que o sector do metal volvese á normalidade tras dous días de folga aínda que os sindicatos xa barallaban a posibilidade de endurecer as súas protestas se non había avances tras catro días de paro. Patronal e sindicatos seguen tendo bloqueada a negociación do convenio colectivo, que na provincia de Pontevedra afecta a máis de 27.000 traballadores.
Pola súa banda, a patronal informou tras os altercados de onte que están estudando seriamente a retirada da súa oferta do convenio colectivo. Os empresarios aseguraron que teñen moitas presións para retirar a oferta presentada e que, ata, numerosas empresas, seguen avogando por un peche patronal ante a imposibilidade de planificar a produción. Os empresarios piden dous anos de vixencia do convenio e manter o poder adquisitivo dos traballadores, mentres que os representantes dos traballadores esixen unha duración dun ano e un incremento salarial razoable, pero nunca conxelación dos soldos.