22 mayo 2009

Director para la CRTVG : PP y PSOE empiezan a enseñarse los dientes con el pobre Sánchez Izquierdo en medio

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de Galicia considera a deslealdade dos socialistas en relación coa proposta de director da CRTVG unha ameaza á oferta de diálogo e consenso feita polos populares, “na idea de que o cambio nas formas se fixese realidade nesta lexislatura e se rematara coa política de oídos xordos que caracterizou a pasada”, segundo salienta o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, para quen a actitude amosada polo PSdeG en relación con este tema “abre poucas esperanzas a esa posibilidade”.

Ruíz Rivas lamenta que o PSdeG “prefira as mentiras e a manipulación ao entendemento” e reitera que o nome proposto para a dirección da CRTVG “foi consensuado”. Aos socialistas, explica, “se lles propuxeron catro nomes, de entre os que eles aceptaron un, acordo que foi despois transmitido ao BNG”, polo que “dicir despois que non houbo diálogo e que a proposta foi unilateral é unha mostra de hipocresía e unha traizón á confianza difícil de admitir”.

No diálogo aberto, o PSdeG aceptou a Sánchez Izquierdo como candidato e se acordou negociar outros aspectos da Compañía de Radio e Televisión de Galicia, entre eles os criterios para que a política informativa sexa plural, alonxándose do partidismo que caracterizou á etapa do bipartito. “A vontade de consenso por parte do Partido Popular é clara e evidente”, apunta Manuel Ruíz, quen engade que “parece que aos socialistas lles molesta que o novo Goberno aposte polo diálogo”.

OS SOCIALISTAS CAEN NO SEU PROPIO DESPRESTIXIO

O portavoz popular lembra, así mesmo, que no mesmo contexto negociouse a renovación dos órganos de control da TVG e da TVE e o PPdeG aceptou a solicitude do PSOE de aprazar esa decisión ata o vindeiro Pleno parlamentario.

“É evidente que os socialistas non teñen moita querencia polo diálogo”, sinala Ruíz Rivas, para quen “é moi triste que, ante a chegada dun Goberno serio, aberto e cun proxecto político rigoroso, os socialistas teñan que recorrer a artimañas deste tipo para agochar a ineficacia que demostraron durante a súa etapa na Xunta, porque non teñen argumentos para intentar desprestixiar ao novo Executivo e acaban caendo no seu propio desprestixio”.