María Méndez califica de demagóxica a postura do PP co PXOM e lamenta que aposten pola política de especulación
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A voceira do grupo municipal do BNG, María Méndez, calificou de demogóxica a posición manifestada hoxe polos representantes do Partido Popular ao remate de Xerencia de Urbanismo na que se aprobaron as modificacións solicitadas na orde da Consellería de Política Territorial no Plan Xeral de Ordenación Municipal. A preguntas dos xornalistas, sinalou que os cambios son moi poucos e que “ao BNG o que realmente lle preocupa é a legalidade do PXOM, algo que temos garantido”.
A nacionalista indicou que os informes dos técnicos da Xerencia de Urbanismo son moi claros e os populares tiveron tempo suficiente para analizados porque os cambios son mínimos. “Coma sempre o Partido Popular fai política de demagoxia co Plan Xeral, porque é perfectamente coñecedor dos cambios que se teñen introducido. Manteñense os argumentos que se deron sempre e é demagóxico dicir que non o coñecen. Coñecen moi ben o PXOM, entre outros motivos porque o señor Figueroa xestionouno durante casi catro anos, e saben que o que agora se modifica afecta somentes ao 1%”, explicou.
María Méndez salientou que o PP está deixado estes días moi claro que a súa posición a respecto do urbanismo e a política social de vivenda “é a da especulación e en contra das clases traballadoras”. A concelleira lamenta que “aínda non tomaron posesión da Xunta e xa están facendo política de especulación anunciando que van anular o Plan Sectorial de Vivenda, un plan dirixido á favorecer o acceso á vivenda e que prevé xerar 300.000 postos de traballo. A súa é unha aposta pola política antisocial e a especulación”.
A nacionalista di que estes primeiros anuncios que está a facer o PP xa se confirma o seu interese por erradicar os logros sociais e as políticas de apoio aos colectivos máis desfavorecidos acadados nos últimos anos. “Podémonos imaxinar xa como van ser estes catro anos”, adiantou.