14 marzo 2009

Caso Empresariales : el Rector de la Universidad del Sur deja claro que hizo lo que debía


Gago advirte do risco de cambiar unha normativa aprobada en 2007 por unanimidade
O reitor reivindica a autoridade do Consello Galego de Universidades na implantación de novas titulacións no ámbito das Ciencias Empresariais
Considera que “fixen o que debía, sen suplantar a autoridade de quen lle corresponde”

VIGO/PONTEVEDRA (Mª del Carmen Echevarría | Diario da Universidade de Vigo)
“Nin esta é unha decisión individual dunha universidade, nin esta é unha decisión individual dun reitor, nin unha decisión deste tipo pode obedecer, nin moito menos ao capricho dun reitor”. Nestes termos expresouse o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, para referirse á competencia que en exclusiva correspóndelle ao Consello Galego de Universidade na aprobación ou rexeitamento de novas titulacións no ámbito das Ciencias Empresariais.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, que se produce segundo Gago “cando a conselleira de Educación en funcións me asegura que por esta circunstancia non vai facer máis declaracións, co que me sinto autorizado para dar a miña opinión institucional”, o reitor afondou tanto nos antecedentes como nas expectativas xeradas a raíz da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior das titulacións do Sistema Universitario de Galicia e en especial das diplomaturas en Ciencias Empresariais que se imparten nas universidades de Vigo e A Coruña.
Gago lembrou que contradicindo as Liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao no Sistema Universitario de Galicia, aprobadas por unanimidade no Consello Galego de Universidade en novembro de 2007, e nas que se recolle que “non poderán autorizarse títulos repetidos, ou cunha alta coincidencia en obxectivos e contidos, nunha mesma universidade”, a Universidade de A Coruña solicitara, trala negativa da Consellería de Educación, informes externos que respalden a súa proposta para implantar un Grao en Administración e Dirección de Empresas e outro en Empresariais. “Recorreuse a esa solución para evitar un conflito maior”, sinalou o reitor que incidiu en que “á vista deses informes o Consello Galego de Universidades tomará unha decisión. Se a decisión é positiva para a Universidade de A Coruña, o acordo é que haberá tamén novos títulos de grao no ámbito das Ciencias Empresariais en Vigo e Santiago. Se a decisión é negativa implica que non haberá novos títulos de grao en ningunha das tres universidades”.

Perigos por un cambio na normativa
Á espera do pronunciamento do Consello de Galego de Universidades, que pode verse adiado por causa do relevo á fronte do goberno da Xunta, Gago advertiu das dificultades que suporía que o Consello Galego de Universidades á vista dos informes solicitados pola Universidade de A Coruña accedese á súa demanda. “Preocúpame moito ter obrigado a todas as comunidades universitarias a traballar dunha maneira e que logo que haxa unha interpretación distinta”.
O reitor que insistiu en que persoalmente non considera “nin un problema, nin un desastre, nin un drama” que haxa dous títulos de Empresariais na Universidade de Vigo”, aclarou que resulta moi difícil traballar cunhas normas durante dous anos e a continuación “darlles para atrás”. Neste sentido advertiu das consecuencias que unha decisión nesta dirección tería para as titulacións que aínda quedan por adaptarse ao EEES, xa que “é un risco que non deberamos correr. Faltan 20 títulos por transformar, incluídas as enxeñarías e estou inquedo por ese motivo”.

Respecto ás opinións contrarias
Como “dentro do normal” cualificou Gago as opinións vertidas desde ámbitos políticos, económicos e sociais en apoio das demandas da Escola Universitaria de Estudos Empresariais. “Non é estraño que se manifesten opinións diferentes”, dixo o reitor que tamén aclarou que “nunca ninguén me pediu información”.
Sobre a súa actuación como máximo responsable da institución en relación coas demandas da Escola, o reitor lembro que se entrevistara en varias ocasións coa dirección do centro e que “fixen o que me correspondía dentro do que son as funcións do reitor. Creo que si me meto no medio estou suplantando a competencia e a autoridade de quen lle corresponde”.
Preguntado pola súa actitude se finalmente o Consello Galego de Universidades dá a razón á Universidade de A Coruña na súa demanda, o reitor afirmou que non se sentiría desairado e que “non vou encabezar unha rebelión contra os meus propios actos, contra a Consellería de Educación ou contra o Consello Galego de Universidades. Non vou encabezar unha rebelión tan inconsciente, irracional e paragóxica como esa. Non despois do aprobado”, dixo.

Formación no ámbito das Ciencias Empresariais garantida no vindeiro curso
Sobre as accións protagonizadas pola dirección, profesorado e estudantado da Escola Universitaria de Estudos Empresarias de Torrecedeira en demanda da implantación dun grao que consideran no centro non é unha repetición do Grado en Administración e Dirección de Empresas, Gago asegurou entender as inquedanzas “como sempre que ocorre unha transformación deste tipo que altera o estatus de moitos anos”. Sen embargo que aínda que asegurou “que é bastante lóxico que a xente mostre resistencia, a responsabilidade dos órganos universitarios é mirar cara ao futuro e non ao pasado”.
Neste sentido o reitor lembrou que o vindeiro curso 2009/2010 a Universidade de Vigo ofertará un novo grao en Administración e Dirección de Empresas, “e logo en función do que resolva o Consello Galego de Universidades en relación coa petición da Universidade de A Coruña, poñeremos en 2010 un novo título ou non”. Caso que finalmente a Universidade de Vigo implantase outro grao ou outros graos en estudos de Ciencias Empresariais, Gago asegurou que “me gustaría que fixéramos unha oferta ben diferenciada, moi clara para o estudante e que fose a mellor da SUG”. Algo que considera o reitor non se produciu no caso da Universidade de A Coruña, dado que a oferta que propón “non é nada atractiva, sobre todo para os estudantes”.
Preguntado pola data de celebración do Consello Galego de Universidades que debe pronunciarse sobre a petición da Universidade de A Coruña, Gago asegurou descoñecer cando se producirá a convocatoria ou se será realizada polo goberno en funcións ou polo executivo do PP unha vez que tome posesión.