O primeiro prazo, do 9 ó 18 de marzo, será para os xa matriculados e o segundo, entre o 23 de marzo e o 23 de abril para o resto de interesados
A ESCOLA INFANTIL PRÍNCIPE FELIPE ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA NENOS DE 0 A 3 ANOS
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Escola Infantil Principe Felipe abrirá entre os días 9 e 18 de marzo (ambos inclusive) o prazo de reserva de praza para o curso escolar 2009-2010 para o alumnado que xa está matriculado no centro actualmente.
Unha vez concluído este período a Escola Infantil abrirá entre o 23 de marzo e o 23 de abril o segundo prazo de reserva para o resto de persoas interesadas.
Finalizado este período, o centro procederá a baremar as solicitudes expoñendo o listado de persoas admitidas e non admitidas coa súa correspondente puntuación no taboleiro de anuncios do centro. Finalmente, a matrícula para os admitidos formalizarase entre o 25 de maio e o 12 de xuño. O horario do centro para a atención das persoas solicitantes será de luns a venres de 16.30 a 19.30 horas.
A escola infantil que abriu o día 1 de febreiro do ano 2008 é un proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra que fixo unha aposta decidida pola conciliación da vida familiar e laboral dos pais.
A gardería de Príncipe Felipe conta cunha capacidade para 115 nenos con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, que permanecen no centro en función do traballo dos pais e dentro dun horario ininterrompido entre as 7.30 horas e as 22.30 horas.
Os nenos matriculados están distribuídos en oito aulas en función da idade que están atendidos cada un por un educador e dúas persoas de apoio. No centro desenvólvense actividades, acústicas e sensoriais, exercicios de psicomotricidade, actividades de pintura, auga e formativas a través de fichas trimestrais e temáticas sobre a época do ano na que vivimos. Do mesmo xeito, o a gardería dispón dun comedor no que se serven o almorzo, xantar , merenda e cea e dun servizo médico de urxencia propio.