18 marzo 2009

Vigo : Balance positivo de un año en el área de Benestar Social

María Méndez salienta que o Plan de Inclusión elaborou 303 proxectos de inserción no 2008, o 58% para mulleres

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este martes das actuacións do Plan de Inclusión Social do Concello de Vigo desenvolvidas dende que entrou en funcionamento o novo equipo, en xuño do pasado ano. A edil nacionalista salientou que dende xuño a decembro de 2008 este servizo municipal elaborou un total de 303 itinerarios integrais de inserción, o 58% destinados a mulleres.

“O Plan de Inclusión Social que desenvolve a Concellería de Benestar Social, integrado no Plan Galego de Inclusión Social 2007-2013, ten o obxectivo de promover a inserción social e laboral dos colectivos en situación ou grave risco de exclusión social, mediante o desenvolvemento de itinerarios personalizados”, explicou María Méndez. A concelleira de Benestar Social destacou asemade que o orzamento co que contou o dispositivo para o seu funcionamento no 2008 foi de 165.640 euros, pero que este ano case se duplicará esta cantidade, ao rondar os 350.000 euros. “Este ano precisamos incrementar notablemente o orzamento posto que o servizo se desenvolverá ao longo de todo o ano”, dixo a concelleira.

Precisamente debido a que o servizo de inclusión se desenvolveu só de xuño a decembro, a edil nacionalista sinalou que o número de usuarios e usuarias coas que se acadou a inserción laboral foi de 28. Segundo María Méndez, esta cifra ten unha “dobre explicación”. Ao seu xuízo, por unha banda, se debe á época de crise na que nos atopamos e a falta de contratacións por parte das empresas. Neste sentido lembrou o caso de Citroën, que cada ano realizaba coarenta contratacións anuais, cousa “impensable agora”, indicou. Por outra banda, explicou que ao empezar o servizo en xuño, os primeiros meses estiveron centrados no traballo da área formativa, de xeito que a inserción se desenvolveu nos meses de novembro e decembro. Co oxectivo de potenciar este servizo, a edil do BNG anunciou que se está a traballar para sexan contratadas persoas usuarias deste servizo e que cumpran co perfil das empresas que desenvolven as obras do Plan de Investimentos Estatais na cidade de Vigo.

María Méndez explicou que o dispositivo de inserción sociolaboral municipal se atopa ubicado nas dependencias que a Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo ten situadas no barrio de Lavadores, compartindo espazo con dúas Unidades Básicas de Acción Social (Rivera Atienza e Lavadores) máis a oficina de Emigracion. Sinalou que o novo equipo de inclusion social, contratado en xuño de 2008, está integrado por unha coordinadora compartida con emigracion, unha psicóloga, unha licenciada en ciencias do traballo, unha educadora social, unha traballadora social e dúas administrativas.

“As persoas as que dirixe este Plan de Inclusión Social pertencen a diferentes colectivos que se atopan en risco ou situación de desvantaxe social, como perceptores directos, indirectos ou potenciais beneficiarios da Renda de Inserción Social Galega (RISGA) inmigrantes, emigrantes retornados, reclusos en terceiro grado, ex-reclusos, minorías étnicas, parados de longa duración, entre outros”, explicou a concelleira de Benestar Social, polo que segundo indicou, as funcións do equipo abranguen dende a detección de necesidades, á planificación dos itinerarios socio-laborais coherentes con cada un dos perfís, as accións de acompañamento aos usurios e usuarias, (coa realización de accións transversais que inclúen coidados da saúde, hixiene persoal, hábitos, autoestima, comunicación, resolución de conflitos, manexo de recursos do entorno), ata desenvolver técnicas de búsqueda de emprego.

As funcións do equipo que leva a cabo o Plan de Inclusión Social tamén contemplan a información e acompañamento na xestión e solicitude de prestacións, servizos e recursos da administración pública a aquelas persoas usuarias do dispositivo municipal que o necesiten, así como tarefas de coordinación cos servizos sociais de atención primaria e cos diversos recursos públicos existentes.

A concelleira de Benestar Social explicou que dos usuarios do II PLAN de Inclusión Social do equipo de Vigo, a mairía son mulleres, cun 58,75%, fronte aos 41,25% de homes. Por idades, para os menores de 25 anos e entre 25 e 45 anos, o número de mulleres duplica ao dos homes. No grupo de idade de maiores de 45 anos, onde se encontra practicamente o 43% dos usuarios a porcentaxe entre homes e mulleres é similar. Destacou tamén que o 56% dos usuarios e usuarias presentan unha escasez de recursos importante xa que son perceptores directos de RISGA, e un un 24% dos usuarios son potenciais beneficiarios, é dicir, que tamén presentan unha importante escaseza de recursos.

“A maioría dos perceptores de RISGA, son usuarios entre os 25 e os 45 anos, seguidos de cerca polos usuarios de máis de 45 anos”, explicou a edil nacionalista. En canto ao nivel educativo a maioría dos usuarios teñen o Graduado Escolar (32,63%), seguidos dos que teñen estudos sen homologar (20,79%), e son polo tanto inmigrantes, e dos que están en posesión do certificado de escolaridade (20,13%). En canto ao perfil relacionado coa experiencia laboral das persoas participantes no Plan de Inclusión, María Méndez sinalou que o 75,25% conta con experiencia no sector dos servizos, seguido dun 8,9 no da construción.