O concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso, convidou este a persoas de todas as idades a participar nas propostas que ofrece o programa “Deporte e só deporte”, que organiza a Agrupación Deportiva Xogara. Durante a presentación do programa, o nacionalista destacou que practicar deporte “é sinónimo de saúde”, polo que animou á cidadanía a participar nalgunha das alternativas que integran a programación, como cachibol, kinball ou fútbol sala.
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- “Co programa “Deporte é só deporte” comprobamos como iniciativas que non son foco de atención teñen un gran significado e valor para as persoas que o practican”, subliñou o concelleiro do BNG, en referenza a dúas persoas presentes na rolda de prensa que confesaron que se non practicaran deporte “xa estariamos nunha cadeira de rodas”. Así, Xabier Alonso salientou os beneficios de practicar deporte, tanto físicos, como psíquicos, como sociais e sinalou que as persoas que participan nesta iniciativa practican deporte “con outras persoas e non contra outras persoas”.
As persoas maiores de 50 anos, poden practicar cachibol no IES de A Guía os martes de 16:30 a 18.30, no CEIP de San Andrés de Comesaña os xoves de 19 a 21 horas, no pavillón de Valadares os venres de 17 a 19 horas e no centro social do Calvario os luns de 11 a 12.30 horas. O programa “Deporte é só deporte” inclúe kimball para todas as idades, que se xogará todos os sábados de 10.30 a 11.30 horas no colexio Possumus. E os maiores de 18 anos poden participar na liga de fútbol sala que se celebrará todos os sábados de 9 a 14 horas no pavillón do IES da Guía, no pavillón do centro cívico de Teis e no pavillón municipal de Teis.
As persoas interesadas en obter máis información sobre o programa “Deporte é só deporte” patrocinado pola Concellería de Deportes, poden solicitala nos teléfonos do presidente da Agrupación Deportiva Xogara, Antonio Piñeiro (659 025 044), do Plan Comunitario de Teis (986 281 670) e do Colexio Possumus (986 371 330).
“Quero aplaudir a organización desta iniciativa e agradecer á Agrupación Deportiva Xogara o seu traballo para desenvolver esta programación”, finalizou o concelleiro Xabier Alonso.