04 marzo 2009

Música de vanguardia y humor se dan cita en la Universidad del Sur

Os Lori Meyers abren este xoves a programación
- A música de vangarda e o humor máis orixinal danse cita neste segundo cuadrimestre no campus de Vigo
O músico francés Pierre Bastien e o humorista Luís Piedrahita, actuarán nas vindeiras semanas


VIGO/PONTEVEDRA (Mª del Carmen Echevarría | Diario da Universidade de Vigo)
Chegarán o vindeiro xoves ao Teatro Vidal Bolaño co recente premio ao mellor disco do ano 2008 baixo o brazo. Os granadinos Lori Meyers serán os encargados de abrir a programación cultural do segundo cuadrimestre, deseñada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e que entre os meses de marzo de maio traerá ata o campus de Vigo algunhas das propostas musicais máis vangardistas e o humor máis orixinal.
Esta nova programación que conta coa colaboración de Caixanova, “oferta”, segundo Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes “unha proposta variada para diversidade de públicos, pero sen esquecer a parte formativa”. Así a música de vangarda de Pierre Bastien e das bandas Mothlite e Mendetz, o humor de Luís Piedrahita, e o teatro universitario e de rúa, compoñen unha programación “con moitos ingredientes de creatividade que fará que a cultura vibre de xeitos novos”.

Á vangarda da música
Cronolánea, o seu terceiro disco, será o traballo que este xoves, 5 de marzo, presenten Lori Meyers no concerto que ofrecerán no Teatro Vidal Bolaño. Lonxe de supor ningún xiro radical na súa traxectoria, Cronolánea pódese considerar unha cristalización do estilo Lori Meyers, un chanzo máis na viaxe que comezaron hai uns anos en Granada, Sergio, Alfredo, Alejandro e Noni.
A programación musical do segundo cuadrimestre complétase coa actuación o 21 de abril de Pierre Bastien, e as bandas Mothlite e Mendetz, os días 6 e 7 de maio dentro do ciclo Sonora.
O músico francés Pierre Bastien chegará ao campus coa súa orquestra Mecanium, creada por el mesmo con pezas de mecano e percutores que se moven coa acción de motores eléctricos que fan soar instrumentos de vento, corda e percusión. “Máis alá da acción de facer música”, sinala Cabeza, “Bastien afonda na investigación sobre o son e as cousas non oídas, a través de elementos comprometidos esteticamente e con outros formatos como a poesía. Xoga coas palabras buscando efectos estraños, lúdicos e sorprendentes, como fixera o movemento literario Oulipo”. Habitual de escenarios tan exclusivos como a Expo de Zaragoza, Bastien colabou con Domingue Bagouet, considerado como a máis prominente figura da nova danza francesa, e co deseñador Iseey Miyake.
A programación musical deste segundo cuadrimestre completarase os días 6 e 7 e maio co ciclo Sonora09 Primavera que inclúe as actuacións de Mendetz e Mothlite, acompañados de artistas convidados. Divertidos, bailables e en plena presentación do seu último traballo Souvenir, os barceloneses Mendetz encherán o Teatro Vidal Bolaño co seu Casio-Punk. Pola súa banda os Mothlite lanzarán aos oíntes, a través do seu primeiro disco The Flax of Reverie, a unha metamorfose acústica chea de panoramas escuros e espazos dentro doutros espazos, de horizontes incandescentes.

O humor máis orixinal e o teatro universitario
A formación luso-galega, Compañía Voadora, será a encargada o 12 de marzo de abrir a programación teatral deste segundo cuadrimestre que completarán o 26 e marzo o humorista galego Luís Piedrahita e a Miteu que se desenvolverán do 20 ao 30 de abril.
Dentro do Festival Alternativo de Teatro e Danza, Alt09, Compañía Voadora, presentará Periferia, a primeira entrega da triloxía Poética de Lugares Comúns, Fracaso, Olvido e Paraíso. No seu despegue como grupo, Compañía Voadora, reflexiona sobre o fracaso, utilizando como pano de fondo unha festa, empregando a relación co público e a realidade puramente teatral.
Dios hizo el mundo en siete días...y se nota. Este é o título do espectáculo que ofrecerá o 26 de marzo o humorista galego Luís Piedrahita e no que insiste en poñer en valor as pequenas cousas da vida, desde os pixamas, ás vasoiras ou ao pegamento. Colaborador en programas como El Hormiguero, Piedrahita foi autor de guións en espazos televisivos como El Club de la Comedia, Cruz y Raya ou Nada por aquí.
Mentres, entre os días 20 ao 30 de abril desenvolverase unha nova edición da Miteu, a Mostra de Teatro Universitario, “teatro propio e alleo, pero con fonda raíz universitaria que hai que coidar”, sinala Mª del Carmen Cabeza.

Teatro de rúa a cuberto
Nesta oitava programación cultural, o teatro de rúa volve estar representado da man do mino galego Parajito, o malabarista alemán Andy Snatch e a compañía vasca Azulkillas.
As actuacións que se desenvolverán no Centro Comercial a partir das 14.00 horas, comezarán o 11 de abril co espectáculo A vida tola a cargo do mimo Pajarito que anda pola súa en busca da súa liberación dun mundo de ataduras.
O 1 de abril as bolas, as mazas e os devilsticks, entrarán en acción nas mans dun dos mellores malabarista de Europa, o alemán Andy Snatch, que combina a súa arte para o equilibrio co dominio do humor.
Tras moito tempo sen se mover dúas bonecas saen dun baúl. Esta é a idea arredor da que se desenvolve Encubando la luna, el espectáculo que a compañía Azulkillas ofrecerá o 15 de abril. Destreza no aire de parodia no chan, son os principais ingredientes da representación que ofrecerá a compañía especializada en técnicas aéreas de circo.