Xan María Castro avogou porque as organizacións sindicais maioritarias celebren un 1.º de Maio unitario
O secretario xeral saínte de CC.OO. de Galicia valorou positivamente os acordos do diálogo social e instou a que se adopten medidas socioeconómicas de longo alcance
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O secretario xeral saínte do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras, Xan María Castro, avogou no curso do 9.º Congreso da organización porque os sindicatos maioritarios en Galicia -CCOO, CIG e UGT- realicen actividades conxuntas que desemboquen nunha celebración unitaria do vindeiro 1.º de Maio. Na súa opinión, a situación actual así o require. Esta foi a principal conclusión da presentación do Informe Xeral, durante a cal abordou tamén outras moitas cuestións.
Xan María Castro comezou analizando a situación de partida do último mandato, que tivo como precedente un período anterior caracterizado por moi importantes mobilizacións contra o chamado Decretazo, o Nunca Máis e as mobilizacións en relación co Prestige e a loita en favor da paz e contra a guerra no Oriente Medio.
O líder sindical sinalou que hai catro anos foi tomando corpo "a necesidade dun cambio social e político", o que terá a súa tradución na configuración do goberno bipartito a partir das eleccións do ano 2005. O cambio expresouse na adopción dunha serie de medidas -que avaliou positivamente- e na apertura do diálogo social en Galicia. Este proceso desembocou nos Acordos polo Emprego e polo Novo Modelo de Relacións Laborais, asinados o 2 de febreiro de 2007; así como no posterior Acordo pola Competitividade de Galicia, subscrito no 7 de xullo de 2008.
Cambio do modelo produtivo
Xan María Castro valorou positivamente estes acordos, aínda que no caso do Acordo pola Competitividade, o secretario xeral saínte de CCOO de Galicia lamentou que se tivese asinado "tarde". Lembrou tamén que estes pactos complementáronse por outros de ámbito estatal que subscribiron a Confederación Sindical de CCOO e UGT en materias de emprego, protección social ou igualdade.
Sobre a crise económica, Xan María Castro lembrou que xa desde 2005 CCOO viña advertindo de que urxía mudar o modelo produtivo e reforzar a rede de protección social, actuacións que se revelaron como acertadas diante do panorama actual.