04 marzo 2009

8 millones se gasta Deputación en la infraestructura Caldas-Portas

As obras de reforma e ancheo do tramo de Caldas-Portas, engádense ás realizadas en tramos anteriores, elevando o orzamento final ata os 8 millóns
A DEPUTACIÓN APROBA O PROXECTO DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA DA ESTRADA CALDAS-VILANOVIÑA, NA QUE SE INVESTIRÁN UN TOTAL DE 443.621 EUROS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Pleno extraordinario, decidiu resolver favorablemente a aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria na E.P 8004 Vilanoviña-Caldas (tramo Caldas-Portas), para as que disporá dun orzamento total de 443.621 euros.
Este proxecto enmárcase dentro das actuacións que o organismo provincial ven desenvolvendo durante os últimos anos na estrada que une Caldas e Vilanoviña mediante diversos plans de obras, co ambicioso fin de lograr unha estrada adecuada ás condicións do tráfico que soporta, e, ó mesmo tempo, mellorar notablemente a seguridade do peón. Con este obxectivo, a Deputación, xunto co concello de Portas, ten investido nesta estrada case 8 millóns de euros nunha lonxitude total de 8 quilómetros nos pasados anos.
A actuación no tramo de Caldas-Portas precisará un investimento de 443.621 euros, incluídas as expropiacións que afectarán a 7.395 metros cadrados de propiedades. Co proxecto aprobado hoxe, o ente provincial vai proceder ó ancheo deste tramo de 720 metros de longo e á posterior dotación dunha nova capa de rodaxe. Así mesmo, dentro deste proxecto está prevista a construción de dúas sendas para peóns de 2,50 metros de ancho que estarán separadas do arcén por unha zona verde de medio metro. Posteriormente procederase ó pintado das marcas viais con pintura reflectinte e microesferas de vidro que se fará a través dunha máquina autopropulsada. Asemade, intentarase dotar esta vía de iluminación.
En xeral, as obras de mellora desenvoltas na estrada Caldas-Vilanoviña consistiron no ensanche da explanación da plataforma (de 12 a 14 metros nalgúns puntos), con desmontes, terrapléns, derrubo e construción de novos muros e peches de nova aliñación. A formación de paseos e cunetas, o afirmado da zona ensanchada e a mellora do firme actual e, entre outras actuacións a instalación de sinalización horizontal e vertical.