15 marzo 2009

Quintana dice que en cuatro años el bipartito puede estar otra vez gobernando...

QUINTANA SULIÑA O “GRAO DE UNIDADE E RESPONSABILIDADE” QUE PRESIDIU O CONSELLO NACIONAL E PERMITIU “QUE AS DIFERENTES SENSIBILIDADES CHEGASEN A UN PUNTO DE ENCONTRO”
Asegurou que o bipartito cometeu o erro de non crear espazos de poder alternativos á influencia que mantiña o PP nos ámbitos empresariais, financieros e mediáticos

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz nacional en funcións do BNG, Anxo Quintana, asegurou que o Consello Nacional de onte “foi dos mellores aos que teño asistido”. Así, subliñou o grao de “unidade e responsabilidade” que desembocou na decisión de convocar unha Asemblea Extraordinaria para o 10 de maio, e que permitiu que “as distintas sensibilidades chegasen a un punto de encontro”.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser Galicia, salientou que do Consello sae “unha folla de rota que todos nos comprometemos a executar”. Preguntado pola futura presenza de “novos referentes”, asegurou que unha organización debe “ter referentes e coidalos, aínda que non estean na dirección”. Así, reiterou a súa vontade de non formar parte da nova Executiva, “pero si a disposición da organización” desde o seu escano no Parlamento Galego.

Volver ao goberno

Segundo Quintana, “se facemos as cousas como debemos, podemos volver ao goberno en catro anos, e onte demos o primeiro paso para facelo”. Nesa liña, sinalou que o BNG traballará agora “no parlamento e sobre todo mediante unha acción social moi forte e necesaria neste momento de crise”. Ese traballo comezará agora “porque deica o 10 de maio, estaremos tamén do lado da xente, non só dedicados ao traballo interno”.

“Pensamos que a etapa do PP estaba superada”

O dirixente nacionalista sinalou que o labor do goberno “foi moi positivo, pero cometemos o erro de pensar que a etapa do PP estaba superada, cando mantiña un peso social determinante nos ámbitos da empresa, das finanzas e tamén mediático”. Así, lamentou que as dúas forzas que conformaban o bipartito “non aproveitasemos estes tres anos e medio para crear espazos alternativos a estes poderes”.

Nesa liña, asegurou que a posición de determinados membros do PSOE de responsabilizar ao BNG da derrota do bipartito significa “darlle a razón ao PP e asumir os seus argumentos”. “Ao PP non podemos darlle unha segunda vitoria, que sería derrotar a única alternativa posíbel”, afirmou. Así, recordou que o 85% dos gobernos europeos están formados por máis dunha forza política e reivindicou “a cultura da coalición, da democracia, do pluralismo e do consenso”.

“Feijóo equivocarase se desfai o feito”

“O que se propón o señor Feijóo é unha tremenda equivocación”, asegurou Quintana. “Se pecha as galescolas e o Consorcio de Igualdade e Benestar, non amolará ao BNG, senón a milleiros de cidadáns que teñen os seus fillos nas galescolas ou os seus pais e nais nos centros de día”, dixo.

“Se revoca o concurso eólico, a quen vai prexudicar é a empresas galegas que gañaron un concurso limpo e legal”, completou o portavoz nacional en funcións.

Movemento pola Base

Preguntado sobre a marcha dun sector da corrente “Movemento pola Base”, Quintana lembrou que “é unha decisión que lamento e que tamén respecto, pero non creo que teña maior incidencia”. O vicepresidente do goberno galego sinalou que “só son uns poucos compañeiros desta corrente, porque outro sector do Movemento pola Base permanece no BNG e mesmo designou unha representante na comisión que organizará a Asemblea”, en referencia a Noa Presas.