Portugal aportou un milleiro de homes á Reconquista de Vigo dentro dunha manobra planificada contra Soult
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Na segunda xornada do I Congreso Internacional sobre a Reconquista de Vigo, que se clausura na tarde de hoxe, venres, no Centro Social Caixanova, o tenente coronel do Exército Portugués, Nuno Correira Barrento de Lemos Pires relatou a situación do exercito portugués na loita contra as tropas francesas de Napoleón, e como apoiaron aos galegos na Reconquista de Vigo e de Galicia.
Ainda que hai versións contradictorias, o militar portugués afirmou que ten constancia de que cando menos un milleiro de militares portugueses participaron na Reconquista da cidade de Vigo. Esta acción foi a culminación dunha manobra planificada para aillar ao mariscal Soult que, a través de Chaves, ocupara Braga e Porto, cortando as súas comunicacións coas tropas francesas asentadas no norte de Galicia.
Como unha forma de aillar a estas tropas, os portugueses reciben a orde de asaltar e recuperar Tui e de abastecer con armas e pólvora aos gallegos que loitaban contra os franceses, e sumarse a recuperación de Vigo. Nestas accións participaron en torno a 2.000 soldados portugueses que entraron e saíron de Galicia durante varias semanas, en función da situacion de acoso a Soult e ás súas tropas.
O tenente coronel Nuno Barrento, tamen relatou a situación previa á invasión francesa de Portugal e como as tropas portuguesas, aínda que disoltas polos franceses e unha boa parte enviadas coma Lexión Portuguesa ás ordes de Napoleón (o que as levaria ata Rusia, onde quedarían aniquiladas), seguiron a loitar contra a invasión. En batallas como Elvas e Beja, máis de 13.000 soldados portugueses morreron nestas contiendas.
Na segunda conferencia da mañá, a doutora Nuria Alonso glosou a figura de Martín de Garay, un dos grandes protagonistas da Guerra da Independencia, quen foi secretario da Xunta Central e das Cortes Constituíntes reunidas en Cádiz.
Os arquivos de Martín de Garay foron descubertos recentemente pola propia Nuria Alonso, unha viguesa que é descendente do político de hai dous séculos, e que atopou os seus documentos entre os fondos familiares. Alonso ven de escribir a súa tese doutoral sobre a figura do seu antepasado e sobre estes arquivos descubertos en Vigo. En breve data, publicará un libro recollendo a obra do Garay, quen ocuparía logo diversos cargos baixo o reinado absoluto de Fernando VII e no Trienio Liberal.
Na sesión de tarde, que pecha o Congreso Internacional sobre a Reconquista, interviron Michael Broers, da Universidade de Oxford; Alicia Laspra, profesora da Universidade de Oviedo, e Jean René Aymes, da Universidade da Sorbona, en Francia, quen aportará novos datos sobre a figura de Chalot, o gobernador francés de Vigo durante a ocupación.
O Congreso Internacional sobre a Reconquista de Vigo, que organizan a Concellería de Cultura e a Tenencia de Alcaldía, está a reunir na cidade a historiadores europeos do máis alto nivel, expertos na época napoleónica que aportan a súa visión sobre os feitos acontecidos en Vigo hai douscentos anos, abrindo novas perspectivas sobre a historia da cidade.