24 junio 2009

El Bloque dice a Blanco que se deje de caralladas y ponga ya los plazos del AVE encima de la mesa

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, dirixiuse esta noite ao Ministro de Fomento na Comisión de CC.AA do Senado, para pedirlle que “verta luz sobre os horizontes temporais e os orzamentos disponíbeis para a execución do AVE para Galiza”.

O senador do BNG reprochou ao Ministro que só fixera un relatorio de todos os proxectos de grandes infraestruturas que están en execución ou en obra, “aínda que iso sí fuxindo de compromisos concretos en canto a datas e disponibilidade de recursos para levalas a cabo”.

BNG demanda “o cando e o como”

Por iso, Pérez Bouza, demandou a José Blanco que hoxe aquí “na Cámara de representación territorial aclare a todos os galegos e galegas varias cuestións, cuestións que debido aos enganos padecidos, tanto no pasado como nos tempos recentes, xeneran cada día maior confusión e incerteza”.

O senador do BNG dirixiuse a José Blanco para dicerlle que “a cidadanía galega quer saber cando veremos circular trens de alta velocidade tanto no Eixo Atlántico, desde Ferrol e até a fronteira portuguesa, como na liña que enlazará Madrid con Galiza, sen esquecer as conexións interiores de Ourense con Vigo, Lugo e Santiago”, enfatizou o senador do BNG.

E ademáis, “como non é posíbel executar obras sen respaldo orzamentario, explique se para o periodo 2010-2014 pode garantir os investimentos necesarios para executar estas obras”. Pérez Bouza aludiu ao contexto de crise económica e á merma de recursos públicos para preguntarlle de “onde van saír tais recursos”.

Nese sentido, interpelou ao Ministro sobre o sistema de financiamento. “Pensa en financiamento público ou privado? Ou estaría disposto a recorrer ao endebedamento?”.
Precisamente no capítulo orzamentario, Pérez Bouza pediu a José Blanco un compromiso para que para o vindeiro exercicio 2010 “cando menos Galiza conte cun 8% do investimento total en infraestruturas”.

O parlamentar do BNG pediu ao Ministro que “verta luz sobre estas importantes cuestións”.

Finalmente, o senador nacionalista puxo enriba da mesa outro tema, o relacionado coa situación de Correos na Galiza. “Aposta por un servizo postal público, universal e de calidade, que garanta o reparto diario de correspondencia, ou opta pola liberalización do servizo que suporá a perda da calidade, especialmente en zonas como Galiza que ten unha grande dispersión poboacional”.